20.12.07

Os bibliopuntos do 1º trimestre

Logo das propostas de xogos e concursos que fomos facendo ao longo do 1º trimestre, aquí vos deixamos a cabeceira da clasificación provisional que deixou a suma de bibliopuntos até agora. A listaxe completa tédela no taboleiro da biblioteca. Logo das vacacións do Nadal haberá novas propostas para seguir sumando...

Erea Fabeiro Rey (2ºBACH-A): 11 bibliopuntos
Sabela Vilar Estévez (1ºESO-A): 11 bibliopuntos
Ángela García Abalde (2ºBACH-A): 7 bibliopuntos
Jénnifer Simoes Carvajal (2ºBACH-B): 6 bibliopuntos
Cristina Alonso Fernández (2ºBACH-B): 5 bibliopuntos
Teresa Méndez Martínez (4ºESO-A): 4 bibliopuntos
Carlos Muñoz Argibay (1ºBACH-A): 4 bibliopuntos
Marta Pereira Conde (1ºESO-B): 4 bibliopuntos
Stefanie Nicole Audifred Costas (2ºBACH-A): 3 bibliopuntos
Natán Palma de Castro (2ºESO-C): 3 bibliopuntos
Eva Parada Antón (3ºESO-A): 3 bibliopuntos

10.12.07

Día Internacional dos Dereitos Humanos

Hoxe é o Día Internacional dos Dereitos Humanos. Desde a semana pasada temos no instituto dúas exposicións de traballos do alumnado que nos convidan a reflexionar sobre o significado desta data e a cantidade de persoas que viven no mundo en situacións nas que non se garanten os principios establecidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Con ese mesmo obxectivo de ofrecer información e favorecer a reflexión crítica, a vicedirección programou para esta semana unha serie de actividades que podedes consultar no sitio web do instituto.

Desde a biblioteca, ademais da convocatoria do club de lectura, quixemos contribuír a esa reflexión co poema do noso recanto da poesía:

Non vexo o ceo
nin vexo o mar.
Sinto que a néboa
está a medrar.
Vexo fusís.
Oio disparos.
Vexo uns rapaces.
Nenos soldados.
Vexo os seus ollos.
Son de metal.
Dor nas facianas.
Anxos do mal.
Nenos da fame.
Nenos raptados.
Nenos sen lazos.
Nenos forzados.
Seres feridos.
Nenos roubados.
Vítimas frías.
Nenos soldados.
Que alguén te salve,
neno da guerra!
Eu teño tanto...
Ti tes miseria!

Antonio García Teijeiro, Petando nas portas de Dylan

Convidámosvos tamén a botarlle unha ollada aos materiais elaborados de xeito conxunto por algunhas das bibliotecas escolares galegas, aos que podedes acceder desde os seus blogs.

28.11.07

Nova sesión do club de lectura

O Club de Lectura Auga da Laxe acaba de convocar a súa primeira sesión deste curso. Será o 19 de decembro, ás 18:00h, na nosa biblioteca. O libro proposto é Cartas de amor, de Fran Alonso, un conxunto de relatos con forma de cartas que nos permiten coñecer as situacións vitais difíciles que lles tocou vivir ás mulleres que os protagonizan. Esta actividade da biblioteca intégrase dentro do programa de actos que a vicedirección do instituto preparou con motivo do Día Internacional dos Dereitos Humanos.

Convidámosvos a ler o libro e a asistir á sesión de tertulia do día 19, na que contaremos coa presenza do autor, e tamén a que nos deixedes os vosos comentarios no club de lectura virtual, ao que podedes acceder desde a portada que atoparedes na marxe dereita do blog.

19.11.07

Anxo Fariña na nosa biblioteca

Anxo Fariña visitou hoxe a nosa biblioteca para manter un encontro co alumnado de 1ºESO, que desde hai un mes traballa co seu libro Os megatoxos e o aprendiz de druída. Contounos moitas cousas da súa obra como ilustrador e como autor, dos seus personaxes -moi especialmente dos Pelelliños e dos Megatoxos-, das súas teimas ao debuxar. Explicounos como naceron os Megatoxos, converteu a Enrique nun futuro personaxe da serie, asinou libros e carteis e deixouse fotografar coas máscaras dos Megatoxos que fixeron os nosos alumnos e alumnas nas clases de Eduación Plástica coa súa profesora, Liliana. Grazas, Anxo, pola túa visita e pola túa simpatía.








7.11.07

O alumnado de PIN visita o blog

Este curso temos en 1ºESO unha materia nova: Proxecto Interdisciplinar (PIN). Ten como obxectivo fundamental o adestramento do alumnado na busca de información e na elaboración de proxectos de investigación de carácter interdisciplinar nos que demostren a súa competencia para comprender, elaborar e presentar esa información. No noso instituto esta materia impártese na biblioteca e, logo de varias semanas aprendendo a coñecer mellor os recursos que ofrece e a súa organización, imos comezar agora o adestramento na busca de información na rede. Estes días, o alumnado de PIN está a visitar o blog da biblioteca. Benvidos!

4.11.07

Os Megatoxos andan pola biblioteca....

Desde que chegaron á biblioteca hai xa tres semanas, os Megatoxos non paran de moverse. Van de man en man e de casa en casa achegándolles aos nosos alumnos de 1ºESO as súas aventuras na procura dun toxo mutante, un camiño que os levará a enfrontarse ao terrible e poderoso Drunxel. Esta pasada semana Ruxe, Faísca, Ninfa e Lúa foron protagonistas tamén dun xogo de busca de información na biblioteca que resolveron con grande habilidade os alumnos de 1ºESO na materia Proxecto Interdisciplinar. A próxima semana, un xogo aberto a todo o alumnado levará tres exemplares de Os megatoxos e o aprendiz de druída ás mans dalgúns dos que se animen a participar. Pero o día grande dos Megatoxos na nosa biblioteca será o luns, 19 de novembro, cando Anxo Fariña, autor da novela e creador dos personaxes, nos visite para contarnos como naceron os Megatoxos. Ven á biblioteca a buscar o teu exemplar de Os Megatoxos e o aprendiz de druída e déixanos logo a túa opinión do libro no noso club de lectura virtual.





30.10.07

OS PRIMEIROS BIBLIOPUNTOS

Como xa vos anunciamos, a biblioteca vai ir convocando ao longo do curso xogos e concursos nos que poderá participar todo o alumnado do instituto. Eses xogos vanvos permitir gañar bibliopuntos que poderedes ir acumulando e que, ao remate do curso, poderedes cambiar por agasallos.

Os resultados do concurso de tradución que convocamos a comezos de outubro tráennos os primeiros bibliopuntos:

Erea Fabeiro Rey (2ºBACH-A): 5 bibliopuntos
Sabela Vilar Estévez (1ºESO-A): 5 bibliopuntos
Teresa Méndez Martínez (4ºESO-A): 4 bibliopuntos
Marta Pereira Conde (1ºESO-B): 4 bibliopuntos
Stefanie Nicole Audifred Costas (2ºBACH-A): 3 bibliopuntos
Natán Palma de Castro (2ºESO-C): 3 bibliopuntos
Ángela García Abalde (2ºBACH-A): 1 bibliopunto
Jénnifer Simoes Carvajal (2ºBACH-B): 1 bibliopunto
Carlos Muñoz Argibay (1ºBACH-A): 1 bibliopunto

Moitos parabéns para estes compañeiros e compañeiras e, xa sabedes, a seguir xogando. Os seguintes bibliopuntos virán da man dos Megatoxos...

23.10.07

Día Internacional das Bibliotecas

Con motivo da celebración do Día Internacional das Bibliotecas Escolares, o Equipo de Biblioteca do IES Auga da Laxe preparou para esta semana do 22 ao 26 de outubro un calendario de visitas de todo o alumnado do centro á biblioteca para coñecer as instalacións, recentemente renovadas, e recibir información sobre a organización dos fondos e as actividades e o funcionamento dos distintos servizos que se ofrecen. O calendario completo de visitas podedes velo no sitio web do instituto.

19.10.07

Os poemas da quincena

Este ano, ademais do poema que semanalmente nos acompaña no recanto da poesía do instituto, imos ter nas aulas de Lingua Galega e de Lingua Española os poemas da quincena, unha nova fiestra que abrimos para poñer a poesía nas vosas mans. En breve entrará na biblioteca unha selección de novidades de poesía. Mentres, aquí vos deixamos os primeiros poemas da quincena deste curso:


LECCIÓN DE GRAMÁTICA

Yo estoy, tú estás y ella
está y él también;
y todos los que estaban estuvieron
y están muy bien.

Estamos, estaremos
nosotros; ella y él
estarán lado a lado, y yo, que estuve,
estaré.

Y si acaso estuviera
alguien que no haya estado aquella vez,
¡bienvenido!, que estar es lo importante
y que todos estén.

David Fernández Chericián


A VOLTA DOS NOVE

Nove vidas
Nove mortes
Unha volta
Cos seus nomes.

Nove nomes
Gravados na memoria
A memoria dun pobo,
Baiona.

Unha vila,
Nove homes,
Unha xustiza,
A morte.

Nove vidas perdidas
Nove almas en pena
Unha vila en guerra.

Unha guerra pola paz,
Unha guerra pola xustiza
Un lema
Que non se repita!

Sabela Vilar, 2006.
1º ESO-A. IES Auga da Laxe

1.10.07

DESPEGAMOS DE NOVO

A biblioteca do IES Auga da Laxe abre as súas portas hoxe, día 1 de outubro, para iniciar unha nova viaxe neste curso 2007/08. E despegamos esta vez con moitas novidades: mobiliario novo, equipos informáticos novos, pintura nova nas paredes, sistema novo de premios e, en breve, un novo programa de xestión dos fondos. Tamén, por suposto, novas ideas e novas propostas para conseguirmos unha biblioteca cada vez máis viva e máis aberta a toda a comunidade educativa.



Comezamos cunha serie de propostas arredor da celebración do Día Internacional da Tradución, que nos acompañarán até o 11 de outubro: no punto de lectura teremos unha selección de libros e de textos traducidos, dous poemas traducidos do portugués e do catalán no recanto da poesía e a convocatoria dun concurso de tradución co que o noso alumnado poderá conseguir os primeiros bibliopuntos do curso. Máis información, na sección de biblioteca do sitio web do instituto.



Benvidos ao novo curso e boa viaxe!

25.6.07

DESPEDÍMONOS CUN PREMIO... E CON POESÍA!

Remataron os xogos de busca da biblioteca nestes últimos días de curso e, con eles, as actividades que preparamos no 3º trimestre arredor do mundo dos libros e as viaxes. Hai moitas cousas que mellorar para o próximo ano, pero queda a satisfacción do traballo realizado e os comentarios positivos do alumnado. Tamén nos queda o sabor doce da concesión dun premio da Consellería de Cultura polo programa de actividades que desenvolvemos nos meses de abril e maio: son 1.000 euros que han axudar a seguir mellorando os fondos da biblioteca.

E, por suposto, coma sempre, queda a poesía, esa compañeira que nos saudou semanalmente desde o seu recanto no punto de lectura do instituto. Con poesía e viaxes nos despedimos até o próximo curso: boas vacacións e felices lecturas!



CONTATRÁS



10...

Abrochade os pantalóns

se non,

que escándalo!

9...

agarrádevos aos asentos

se non,

que medo!

8...

despegade

voade

7...

deixade saír os ollos

que miren ben lonxe

6...

deixade que o nariz se mova

que sinta os arrecendos

que cheire

5...

deixade que a boca se abra

que se abraie

ieeeepaie

4...

despedídevos dos demais

dos que quedan cos pés na terra

dos que non saben que hai paxaros no aire

3...

despedídevos do que queda atrás

do que non voa

por máis que vos doa

2...

esquecede por un intre

que sodes persoas

1...

xoguemos a ser xigantes

así o mundo non será tan grande

0...

O

Mund

O



Paula Carballeira, Contatrás, Ed. Positivas, 2006

21.6.07

ÚLTIMAS VIAXES DO CURSO

Esta mañá estivo o alumnado de 2ºESO viaxando cos libros na biblioteca. Dentro do programa de actividades que o instituto organizou para os dous últimos días de clase a biblioteca encargouse de preparar un xogo de pistas e un xogo de busca de información con 36 preguntas nas que, partindo dalgunha novela, propoñíanse viaxes a diferentes países para buscar datos que nos levaban polos mapas, as enciclopedias, os atlas e todos os materiais que ofrece a biblioteca. Mañá tócalles aos de 1ºESO.

11.6.07

BOA VIAXE!



Esta semana temos no patio central do instituto unha exposición de libros da biblioteca sobre viaxes, reais e fantásticas, a diferentes lugares do mundo ou da imaxinación. Convidamos o noso alumnado a viaxar con eses libros a través do xogo de busca "Etapa a etapa" que lles propón catro viaxes (azul, verde, amarela e vermella). Todos os días –desde o luns até o xoves– irémos formulando no tabolerio que está a carón da exposición unha pregunta para cada viaxe. Para completar os catro itinerarios deben atopar as respostas correctas ás catro preguntas que constitúen as distintas etapas e escribilas nas fichas de participación que están alí ao seu dispor. Poden escoller unha das catro viaxes ou tentar facer as catro. As respostas a todas as preguntas atópanse nos libros que están na exposición.

Entre os rapaces que opten por realizar unha das catro viaxes sortearemos un cheque de 20 euros para gastar nalgunha librería de Gondomar. Ademais, haberá un premio especial: entre todos os que decidan realizar as catro viaxes respondendo correctamente as 16 preguntas do xogo sortearemos un cheque de 50 euros para gastar tamén nalgunha librería da vila.

As preguntas de cada etapa poñeranse cada día entre o luns e o xoves ás 12:00h. Teñen de prazo para depositar as fichas de participación coas respostas na caixa que hai ao lado da exposición até o venres, 15 de xuño, ás 12:30h.







27.5.07

PAULA CARBALLEIRA NA NOSA BIBLIOTECA

O pasado venres estivo na nosa biblioteca Paula Carballeira para acompañarnos na sesión de club de lectura que tiñamos sobre a súa novela Smara. Presentou María Fernández Italiani, alumna de 2º Bach, quen nos leu ademais un fermoso texto de Paula Carballeira sobre as mulleres que contan historias, publicado na revista Animal. Logo emocionámonos con Lalia, a curtametraxe de Silvia Munt, que nos axudou a situarnos no espazo en que se suceden as historias de Smara. Despois Paula falounos da novela, falounos do pobo saharauí e das historias que aprendeu nos campamentos de refuxiados de Tinduf, contounos anécdotas, respondeu as nosas preguntas e agasallounos cun conto final. Foi unha delicia compartir hora e media cunha Paula Carballeira próxima e distendida, tenra e desenfadada, que nos fixo rir e sentir moi de preto a atmosfera cálida de Smara. Moitas grazas a Paula e a todas e todos os que nos acompañastes na última sesión do noso club de lectura por este curso. Verémonos de novo o próximo ano.







22.5.07

NOVA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA ESTE PRÓXIMO VENRES


A biblioteca do IES Auga da Laxe vai celebrar o próximo venres, 25 de maio, ás 18:00h, unha sesión do seu club de lectura sobre a novela Smara, de Paula Carballeira, protagonizada por un neno que viaxa ao campamento de refuxiados saharauís de Smara, onde escoitará da avoa Ugago historias marabillosas que falan do deserto e das lendas e tradicións do seu pobo, os fillos da nube. A sesión, que contará coa presenza da autora, comezará co visionado da curtametraxe Lalia, de Silvia Munt, que fai un achegamento ao conflito saharauí a través dos ollos dunha nena.

O Club de lectura Auga da Laxe, que naceu o ano pasado e leva xa cinco convocatorias, ten como obxectivo favorecer a lectura reflexiva e a conversa arredor das obras propostas. Convidámosvos a achegarvos o venres ao instituto para participar nesta sesión ou a deixar a vosa opinión sobre a novela no club de lectura virtual do blog da biblioteca.

15.5.07

MARÍA MARIÑO VISITA A NOSA BIBLIOTECA

A biblioteca do instituto vaise converter os días 15 e 16 de maio no salón da casa de María Mariño para acoller cinco representacións do monólogo María Mariño, en primeira persoa, protagonizado por Rocío Rodríguez Salgueiro, quen se transformará na poeta á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. O monólogo, que fai un percorrido polos feitos máis destacados da vida e da obra de María Mariño, irá acompañado da lectura de varios poemas da autora. As representacións terán lugar na biblioteca co seguinte horario:

Martes, 15

  • 11,10h-12,00h: 1º BACH-A e 1º BACH-B

  • 12,30h-13,20h: 4º ESO-A, 4º ESO-B e 1º ESO-A

  • 13,20h-14,10h: 2º ESO-A e 2º ESO-B

Mércores, 16

  • 12,30h-13:20h: 1ºESO-B e 1ºESO-C

  • 13:20h-14:10h: 3º ESO-A e 3º ESO-B

12.5.07

ABRIL E MAIO, LETRAS PARA TODO O ANO



Estes días pódense atopar nalgúns establecementos comerciais de Gondomar os materiais da campaña Abril e maio, letras para todo o ano, promovida pola biblioteca do IES Auga da Laxe. Son uns expositores cunhas tarxetas dirixidas a todos os veciños e veciñas nas que os convidamos a ler un poema, ao tempo que reflexionamos sobre a importancia de que, máis alá do Día do Libro ou do Día das Letras Galegas, o hábito da lectura nos acompañe ao longo de todo o ano.

Os poemas que se ofrecen como un convite nas tarxetas pertencen a Olga Novo, Daniel Salgado, Antonio García Teijeiro, Lupe Gómez e María Mariño, autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. O texto que acompaña os poemas é o seguinte: "Nestes meses a primavera chega tamén á literatura. Arredor do Día do Libro e do Día das Letras Galegas chégannos numerosas propostas de lecturas e novidades editoriais, un agromar de letras que desde a Biblioteca do IES Auga da Laxe esperamos que dure todo o ano, para que calquera día sexa bo para achegarse a un libro. Por iso vos convidamos a ler unha selección de poemas cos que queremos desexarvos feliz primavera e boas lecturas."

27.4.07

SEMANA DO LIBRO

Remata a semana do libro e con ela a primeira das actividades que preparamos desde a biblioteca para convidarvos a viaxar lendo. Cada día levamos un libro da biblioteca até o panel do punto de lectura para ofrecervos un fragmento que servise de "aperitivo". O luns foi Smara, de Paula Carballeira. O martes, No soy un libro de José María Merino; o mércores, A expedición do Pacífico de Marilar Aleixandre; o xoves, Cidades de Fran Alonso; e hoxe, venres, O portal dos elfos de Herbie Brennan. Nas próximas semanas a estas cinco propostas sumaranse moitas máis lecturas que sairán da biblioteca para formar parte dunha exposición que estará no patio central do instituto para lembrarche que, se queres viaxar cos libros, non tes máis que vir á biblioteca.

E mentres imos preparando esa exposición e a campaña "Abril e maio, letras para todo o ano", da que vos falaremos nos próximos días, deixámosvos co comezo de Smara de Paula Carballeira, a novela protagonista da sesión do noso club de lectura deste terceiro trimestre, que terá lugar o 25 de maio ás 18:00h coa presenza da autora:

"Din que o meu pai era un bo reporteiro. Eu só sei que esperaba que volvese das súas viaxes para que me contase as historias dos lugares que coñecera. Pero ao meu pai non lle gustaban os contos, prefería falarme das paisaxes, das xentes, do grande que era o mundo.

Ao cumprir once anos, pedinlle que me levase con el nalgunha viaxe. O meu pai sorriu, aloumiñoume a cabeza e quedou coa mirada fixa no horizonte, como elixindo nun mapa invisible o lugar ao que me levaría. Supoño que despois de barallar as cartas do destino decidiu que o acompañase ao gran deserto, ao Sáhara".

23.4.07

ABRIL, MES DOS LIBROS. MAIO, MES DAS LETRAS.

O terceiro trimestre tráenos dúas celebracións importantes no calendario da lectura: o 23 de abril, Día do Libro, e o 17 de maio, Día das Letras Galegas. E aínda que nós cremos que hai que ler e animar a ler todo o ano, tampouco está de máis aproveitar estas datas para celebrar e facer da lectura unha festa. Por iso, enlazando abril e maio, a biblioteca vai desenvolver unha serie de actividades arredor dun mesmo lema: Para viaxar cos libros, ven á biblioteca. Aínda que vos iremos dando conta desas iniciativas pouco a pouco desde aquí, se queredes botarlle unha ollada á programación completa, tédela ao voso dispor na sección de biblioteca da web do instituto.


E agora deixámosvos cuns versos de Gamoneda que esta semana estarán no recanto da poesía do noso punto de lectura. Porque hoxe, 23 de abril, Día Internacional do Libro, Antonio Gamoneda (Oviedo, 1931) recibirá o premio Cervantes 2006 en recoñecemento á totalidade da súa obra. Este poeta asturiano considera que “la poesía no es exactamente literatura de ficción, sino que es una emanación de naturaleza existencial y expresa el sufrimiento y el gozo”. Se queredes coñecer máis sobre este escritor, aí van algunhas ligazóns e unha mostra da súa poesía.

http://amediavoz.com/gamoneda.htm
http://www.epdlp.com/escritor.php?id=2596


Hablan los manantiales en la noche,

hablan en los imanes del silencio.

Siento la suavidad de las palabras olvidadas.

***

Amé todas las pérdidas.

Aún retumba el ruiseñor en el jardín invisible.



Libro del frío, 1992

19.4.07

LER NAS AULAS

Esta semana comezou a funcionar nas tres aulas de 1ºESO o programa de dinamización "Ler nas aulas". Desde a biblioteca preparamos tres caixas con 50 libros cada unha: en galego, en castelán, en inglés, novelas, relatos, poesía, cómic,... Unha selección variada que poñemos ao dipsor do alumnado e do profesorado para facer lectura individual nas aulas, dentro do horario lectivo. Cada caixa inclúe tamén unha folla de seguimento na que o profesorado que participe no programa poderá ir anotando os espazos que dedique á lectura dentro das súas clases e facendo as suxestións e propostas de mellora que estime oportunas. Hai tamén unhas fichas de lectura nas que os alumnos poderán ir recollendo as súas valoracións sobre os libros que vaian lendo e a súa opinión sobre esta iniciativa.

Xa vos iremos contando os resultados desta experiencia que pretende crear novos espazos e tempos para a lectura e que comeza a andar neste terceiro trimestre no que se concentran dúas datas importantes do calendario da lectura, o 23 de abril e o 17 de maio. Porque aínda que leamos e animemos a ler todo o ano, tamén está ben celebrarmos de cando en vez esa paixón lectora dun xeito especial... E para iso estamos a "cociñar" numerosas propostas para degustar no abril dos libros e o maio das letras.

31.3.07

CAIXAS DE LIBROS, CADERNOS DE VIAXE E VACACIÓNS!

Estivemos estes últimos días sacando libros dos andeis da biblioteca para encher tres caixas que van viaxar despois da semana santa ás aulas de 1ºESO para botar a andar o programa "Ler nas aulas".

E tamén cos alumnos de 1ºESO marcharon esta semana uns cadernos de viaxe nos que se comprometeron a plasmar reflexións, debuxos, poemas, fragmentos, comentarios, etc. das súas lecturas. Son unha parte dos materiais da campaña "Hora de ler", da asesoría de bibliotecas escolares da Consellería de Educación, coa que nos convidan a ler o mundo e deixar que os libros nos leven de viaxe.

Pero de todas estas cousas falarémosvos polo miúdo ao comezo do terceiro trimestre. Agora, despois de deixarmos falar o corpo, marchamos de vacacións!!!!

21.3.07

DÍA MUNDIAL DA POESÍA 2007

Hoxe celébrase o Día da Poesía. E aínda que non o pareza, hoxe tamén chega oficialmente a primavera. Nós quixemos que nas paredes do noso instituto agromase esta semana dun xeito especial a poesía, polo que vos deixamos nelas unha selección de 16 poemas dos que podedes recoller unha copia no expositor que está no punto de lectura, moi preto dese noso recanto da poesía que, ao longo de todo o curso, vos acompaña cun poema semanal.

A selección de poemas que preparamos inclúe textos publicados nos últimos quince anos, para achegarvos a poesía máis nova. Quixemos poñela tamén ao voso dispor na nosa web, pero un corte inoportuno no servizo impedíunolo. Agardamos que xa a poidamos ter aí a semana que vén. Mentres, aquí vos deixamos unha brevísima mostra para desexarvos un poetizante Día da Poesía:


Esta será na morte
a miña última palabra:
quen me dera ser gata
para vivirte sete veces.

Olga Novo (Vilarmao, Lugo, 1975), Nós nus, 1997

12.3.07

DE VOLTA AO ASTEROIDE B-612



Logo de pasar unha tempada no noso instituto, o principiño voltou hoxe ao asteroide B-612. Mentres estivo aquí, ademais de ler a súa historia, o noso alumnado de 1º ESO tivo a oportunidade de participar en diferentes actividades:

- Unha charla-coloquio coa profesora Concha Costas sobre as diferentes edicións e interpretacións da obra.

- A montaxe teatral "O principiño viaxa polo espazo", coa compañía Tranghallada Teatro.

- Unha lectura dun fragmento de O principiño en galego (Marta, Andrea e Gonzalo, de 1ºESO) , castelán (Alex, Almudena e Juan, de 1ºESO), portugués (Joao Paulo, de 2ºESO), catalán (Tamara, de 3ºESO), italiano (Pedro, de 2º Bach), francés (Agustín, de 1ºESO, e Katya, de 2ºESO), Inglés (Sara, Miguel, Agustín, Natán, Sheila e Sandra, de 1ºESO) e alemán (Ángel, de 2º Bach). Grazas a todos eles pola súa participación e aos profesores de Lingua Galega (Benxamín), de Lingua Española (David), de Inglés (Carolina) e de Francés (Santas) pola súa colaboración na preparación desta lectura.

Ademais destas actividades especialmente dirixidas ao alumnado de 1ºESO, todos tivemos a oportunidade de ver no patio central do instituto unha exposición que incluía case 70 edicións de O principiño en 35 linguas distintas, así como traballos que o alumnado de 1ºESO realizou nas últimas semanas nas clases de Educación Plástica a partir das ilustracións de A. de Saint-Exupéry que aparecen no libro. O noso agradecemento tamén para os profesores que realizaron este traballo cos alumnos (Dorinda e Manuel Ulloa).

Deixámosvos aquí algunhas imaxes desa exposición, ao tempo que lle desexamos ao principiño un feliz regreso ao asteroide B-612.



1.3.07

VIAXANDO CON... O PRINCIPIÑO


Podemos viaxar de moitos xeitos distintos: en tren, en barco, en globo, en soños... E tamén podemos viaxar cos libros. Durante este 2º trimestre o alumnado de 1º ESO estivo lendo O principiño, de Antoine de Saint Exupéry, o libro máis traducido da literatura francesa. Con el viaxaron por diferentes planetas, coñeceron personaxes moi peculiares e visitaron o mundo dos sentimentos. Como complemento desa lectura, desenvolvemos desde a biblioteca unha serie de propostas: un xogo de busca, uns paneis cunha selección de fragmentos e unha charla-coloquio sobre o libro. Na próxima semana pecharemos este traballo de dinamización cun programa de actividades no que haberá teatro, unha lectura plurilingüe e unha exposición de exemplares do libro traducido a 40 linguas diferentes e de traballos realizados polo alumnado de 1º ESO. No 3º trimestre a biblioteca seguirá convidándovos a viaxar cos libros, a ler o mundo.

Se picas na portada de O principiño que está aquí ao lado poderás acceder ao noso club de lectura virtual e deixarnos a túa opinión ou comentario sobre este libro.

DE VIAXE-4

Podes viaxar en soños.

28.2.07

DE VIAXE-3

Podes viaxar en globo.

27.2.07

DE VIAXE-2

Podes viaxar en barco.

26.2.07

DE VIAXE-1

Podes viaxar en tren.

25.2.07

UN ANO DE PUNTO DE LECTURA

O noso punto de lectura informal acaba de cumprir un ano. Desde que o abrimos no patio central do instituto en febreiro do 2006 foi acollendo diferentes materiais e exposicións temporais e foi mudando até a súa oferta actual: prensa do día, banda deseñada, revistas, información cultural e xuvenil e o recanto da poesía que nos ofrece un poema semanal. Desde o pasado mes de decembro dispón tamén dun punto de escoita que mantén o Departamento de Música: tres reprodutores de CDs nos que o profesor Sergio Álvarez nos vai facendo propostas musicais, tanto novidades como monográficos.

Coincidindo con este 1º aniversario do punto de lectura informal, a biblioteca acaba de habilitar no segundo andar do instituto un novo punto de traballo a disposición do profesorado e do alumnado cunha mesa de traballo e distintos materiais de apoio (dicionarios e obras de referencia), axeitado para dar clases de reforzo ou traballar nas horas libres.

Son diferentes propostas coas que queremos abrir a biblioteca á comunidade educativa e facer os seus materiais visibles en distintos espazos do instituto para conseguir unha maior proximidade. En definitiva, abrir as portas para que os libros viaxen... e vos atopen!

8.2.07

CLUB DE LECTURA: LITERATURA E GUERRA CIVIL

Onte tivo lugar no salón de actos do instituto a primeira das charlas que compoñen o programa de actividades que, ao longo desta semana, acompañan a presenza no noso centro da exposición "Os mártires do mar", promovida pola Consellería de Cultura dentro das iniciativas do Ano da Memoria. Desde a biblioteca preparamos unha selección de libros que tratan o tema da Guerra Civil, ao voso dispor no patio central do instituto xunto coa exposición, e convocamos unha nova sesión do noso club de lectura para o 7 de marzo arredor das seguintes novelas:

Marina Mayoral, Tristes armas
Agustín Fdez. Paz, Noite de voraces sombras
Xosé Fdez Ferreiro, Agosto do 36
Eloy M. Cebrián, Bajo la fría luz de octubre
Fernando Marías, Cielo abajo

Tamén o recanto da poesía do noso punto de lectura ofrece esta semana un poema inédito de Fran Alonso que nos achega a un dos episodios máis duros da represión no Val Miñor: o asasinato de nove homes na madrugada do 15 ao 16 de outubro de 1936 na estrada de Baiona á Guarda, na chamada Volta dos 9.


Avoa, que son esas cruces?
Sonche fillo, a marca do crime, da infamia e a luz
taquigráfica que levanta acta para o auditorio
da historia. Ah, que baixo falas, avoa.
Non levantes a voz, neno, que non terás palabras
para os teus versos. Tanto ten, avoa, agora sei;
é unha historia covarde de horror e de espanto

co silencio do mar, testemuña de cargo, batendo
sobre as rochas e as penas, entre a brétema dun cabo:
cabo castigo, cabo tristura, cabo rocha cun
exército necrófago, oficiando na estrada as cunetas
da Bombardeira. As cruces son as cicatrices
da terra, o berro anónimo que se converte en rapsoda
da traxedia desde aquel mencer de outubro do 36,
cando unhas mans riscan o chan e serigrafían
a lembranza que agora se abraza na árbore dos heroes.
E quen as fai, avoa? A xente, que disque non se fan soas
e non levantes a voz, neno, que non terás palabras
para os teus versos. Ah, son as pegadas da rabia,
da rebelión que perpetúa ao vento a memoria coma
unha zanfona. As cruces, nove; unha por cada corpo sen vida:
nove na Volta dos Nove. Nove para esconxurar a infamia e
convocar as vítimas: o Manuel, o Felicísimo, o Ghonda,

o Lijó, o Rei Chiquito, o Fidel, o Pelonio, o Ferreiro
do Burgo, o Generoso. E a música, avoa? Son as
voces dos presos de Oia, que cantan coa tripa e
non levantes a voz, neno, que non terás palabras
para os teus versos. Son nove, avoa, nove imborrables
cruces con nomes de goma, nove pingas con que
a acordanza grava a metraxe inmedible dun crime
impune. Escoita, avoa, son as cruces as que levantan
a voz, e o seu eco de sangue érguese máis alá da dor,
máis alá do medo, máis alá do mar, máis alá do tempo.


FRAN ALONSO (inédito)

24.1.07

Premios do xogo de busca

Onte entregamos os libros que a biblioteca tiña para agasallar a través do xogo de busca "Queres conseguir O principiño?", que se desenvolveu nos recreos do xoves e o venres da semana pasada. Logo de realizarmos o sorteo entre as respostas acertadas, os catro exemplares de O principiño foron para:

Sheila Díez Méndez, de 1º ESO-C
Noelia Martín Suárez, de 1º ESO-C
Eduardo Pacheco Rodríguez, de 2º BACH-B
Silvia Martínez Báez, de 2º BACH-C

Parabéns para estes catro compañeiros que incorporaron á súa biblioteca particular este fermoso libro sobre a amizade e as relacións humanas. Con este xogo de busca damos comezo ás actividades que imos ir propoñendo nas próximas semanas arredor da novela de Saint Exupery coa que están a traballar os alumnos e alumnas de 1º ESO: haberá unha charla, unha exposición de exemplares do libro en diferentes linguas do mundo, unha exposición de figuras que vai preparar o profesorado de Ed. Plástica cos alumnos de 1º ESO, unha lectura de fragmentos de O principiño en galego, castelán, inglés e francés coa colaboración do profesorado de linguas, etc.

E para que os que non estades a ler o libro poidades achegarvos tamén a el, ao longo desta semana e da próxima irémosvos poñendo en seis puntos distintos do instituto cada día un fragmento da novela que vos permita participar do espírito desta historia tan especial.

19.1.07

De volta!

Coa lentitude propia dun retorno de vacacións, aquí estamos de novo para irvos contando as actividades que estivemos programando desde o Equipo de Biblioteca para este segundo trimestre. Estamos xa estes días cun xogo de busca nos recreos co que conseguir un exemplar de O principiño, libro co que están a traballar os alumnos de 1º ESO e do que iremos propoñendo outras actividades. Farémosvos propostas ao longo de febreiro sobre literatura e Guerra Civil, teremos un novo exemplar do noso boletín Líber e outras cousas que xa vos iremos contando. Polo momento, aquí vos deixamos o poema de Luísa Castro que temos estes días no recanto da poesía do punto de lectura.


LA CAÍDA

Las montañas cristalizan en mil años
y el mar gana un centímetro a la tierra
cada dos milenios,
horada el viento la roca
en cuatro siglos
y la lluvia,
también la lluvia se toma su tiempo para caer.


Sé paciente con mi corazón
que suspira por una obra duradera.
Como el viento,
como la lluvia,
también mi corazón
se toma su tiempo para caer.

Luisa Castro, Señales con una sola bandera
Poesía reunida
(1984-1997)