25.2.07

UN ANO DE PUNTO DE LECTURA

O noso punto de lectura informal acaba de cumprir un ano. Desde que o abrimos no patio central do instituto en febreiro do 2006 foi acollendo diferentes materiais e exposicións temporais e foi mudando até a súa oferta actual: prensa do día, banda deseñada, revistas, información cultural e xuvenil e o recanto da poesía que nos ofrece un poema semanal. Desde o pasado mes de decembro dispón tamén dun punto de escoita que mantén o Departamento de Música: tres reprodutores de CDs nos que o profesor Sergio Álvarez nos vai facendo propostas musicais, tanto novidades como monográficos.

Coincidindo con este 1º aniversario do punto de lectura informal, a biblioteca acaba de habilitar no segundo andar do instituto un novo punto de traballo a disposición do profesorado e do alumnado cunha mesa de traballo e distintos materiais de apoio (dicionarios e obras de referencia), axeitado para dar clases de reforzo ou traballar nas horas libres.

Son diferentes propostas coas que queremos abrir a biblioteca á comunidade educativa e facer os seus materiais visibles en distintos espazos do instituto para conseguir unha maior proximidade. En definitiva, abrir as portas para que os libros viaxen... e vos atopen!

1 comentario:

Antonio Alonso dijo...

Noraboa polo traballo que estades realizando, para nós é un modelo a seguir.
Un saúdo dende Betanzos !!