12.5.07

ABRIL E MAIO, LETRAS PARA TODO O ANO



Estes días pódense atopar nalgúns establecementos comerciais de Gondomar os materiais da campaña Abril e maio, letras para todo o ano, promovida pola biblioteca do IES Auga da Laxe. Son uns expositores cunhas tarxetas dirixidas a todos os veciños e veciñas nas que os convidamos a ler un poema, ao tempo que reflexionamos sobre a importancia de que, máis alá do Día do Libro ou do Día das Letras Galegas, o hábito da lectura nos acompañe ao longo de todo o ano.

Os poemas que se ofrecen como un convite nas tarxetas pertencen a Olga Novo, Daniel Salgado, Antonio García Teijeiro, Lupe Gómez e María Mariño, autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. O texto que acompaña os poemas é o seguinte: "Nestes meses a primavera chega tamén á literatura. Arredor do Día do Libro e do Día das Letras Galegas chégannos numerosas propostas de lecturas e novidades editoriais, un agromar de letras que desde a Biblioteca do IES Auga da Laxe esperamos que dure todo o ano, para que calquera día sexa bo para achegarse a un libro. Por iso vos convidamos a ler unha selección de poemas cos que queremos desexarvos feliz primavera e boas lecturas."