7.11.07

O alumnado de PIN visita o blog

Este curso temos en 1ºESO unha materia nova: Proxecto Interdisciplinar (PIN). Ten como obxectivo fundamental o adestramento do alumnado na busca de información e na elaboración de proxectos de investigación de carácter interdisciplinar nos que demostren a súa competencia para comprender, elaborar e presentar esa información. No noso instituto esta materia impártese na biblioteca e, logo de varias semanas aprendendo a coñecer mellor os recursos que ofrece e a súa organización, imos comezar agora o adestramento na busca de información na rede. Estes días, o alumnado de PIN está a visitar o blog da biblioteca. Benvidos!

4.11.07

Os Megatoxos andan pola biblioteca....

Desde que chegaron á biblioteca hai xa tres semanas, os Megatoxos non paran de moverse. Van de man en man e de casa en casa achegándolles aos nosos alumnos de 1ºESO as súas aventuras na procura dun toxo mutante, un camiño que os levará a enfrontarse ao terrible e poderoso Drunxel. Esta pasada semana Ruxe, Faísca, Ninfa e Lúa foron protagonistas tamén dun xogo de busca de información na biblioteca que resolveron con grande habilidade os alumnos de 1ºESO na materia Proxecto Interdisciplinar. A próxima semana, un xogo aberto a todo o alumnado levará tres exemplares de Os megatoxos e o aprendiz de druída ás mans dalgúns dos que se animen a participar. Pero o día grande dos Megatoxos na nosa biblioteca será o luns, 19 de novembro, cando Anxo Fariña, autor da novela e creador dos personaxes, nos visite para contarnos como naceron os Megatoxos. Ven á biblioteca a buscar o teu exemplar de Os Megatoxos e o aprendiz de druída e déixanos logo a túa opinión do libro no noso club de lectura virtual.