16.4.08

Dous premios e un poema

Parabéns para o IES de Sanxenxo que acaba de recibir o premio Irmandade do Libro á mellor campaña de fomento da lectura nun centro educativo, no que recibiron tamén dous accésit o CEIP Emilia pardo Bazán e o IES Álvaro Cunqueiro, de Vigo. No blog do IES de Sanxenxo podedes botarlle unha ollada ás súas actividades, entre elas as bases da IV edición do seu certame literario.

Parabéns tamén para Ángela García e Jénnifer Simoes, alumnas nosas de 2º de bacharelato, que gañaron os dous exemplares de La Tierra herida que sorteabamos entre o alumnado participante no xogo de preguntas sobre cambio climático que convocamos como complemento ao noso club de lectura. Esta tarde, ás 18:00h, teremos na biblioteca a sesión presencial na que, ademais de falar do libro de Miguel Delibes e Miguel Delibes de Castro, poderemos ver un pequeno documental sobre o cambio climático.

Deixámosvos por último o noso bocadiño de poesía desta semana:


ULISES


Os reis dos gregos convocáronme

a aventuras remotas. Sombras imprecisas

finxían ós meus ollos armas

de sonoroso bronce,

catálogos de naves,

gloriosos estandartes,

cabalos de madeira, incendios,

horrendos cíclopes, sereas

de portentoso canto,

praias ignotas e nausícaas.

Mais eu fíxenme o tolo.

Despedín con presentes

os pomposos arautos,

e non abandonei

a casa de Laertes,

nin durmín unha noite

fóra do leito de Penélope.

Darío Xohán Cabana, Cabalgada na brétema