17.10.08

II Encontros de Bibliotecas Escolares

Os días 17 e 18 de outubro celébranse en Compostela os II Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia, organizados pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación. Baixo o lema Bibliotecas para ler e aprender, os encontros ofrecen un atractivo programa no que se inclúen tanto conferencias de especialistas como paneis de experiencias, fundamentalmente de bibliotecas escolares galegas integradas no PLAMBE. A nosa biblioteca estará presente o sábado 18 á mañá a través dun relatorio no que explicaremos o traballo desenvolvido o curso pasado na materia Proxecto Interdisciplinar de 1ºESO.

13.10.08

Ramiro Fonte, na memoria

Esta fin de semana faleceu en Barcelona o poeta e narrador galego Ramiro Fonte, director do Instituto Cervantes en Lisboa. No punto de lectura teremos estes días algunha información sobre a súa obra, así como os exemplares dos seus libros que temos na biblioteca. Tamén o noso recanto da poesía lembrará esta semana os seus versos.


Non vos preocupedes da miña soidade
que acepto e que merezo sen dúbida ningunha
ou da melancolía atenta, resignada
coa que ás veces procuro rematar os poemas,
como facendo o aceno
daquel que sabe a tempo retirarse.

No blog bretemas podedes atopar máis información e ligazóns.