1.10.07

DESPEGAMOS DE NOVO

A biblioteca do IES Auga da Laxe abre as súas portas hoxe, día 1 de outubro, para iniciar unha nova viaxe neste curso 2007/08. E despegamos esta vez con moitas novidades: mobiliario novo, equipos informáticos novos, pintura nova nas paredes, sistema novo de premios e, en breve, un novo programa de xestión dos fondos. Tamén, por suposto, novas ideas e novas propostas para conseguirmos unha biblioteca cada vez máis viva e máis aberta a toda a comunidade educativa.



Comezamos cunha serie de propostas arredor da celebración do Día Internacional da Tradución, que nos acompañarán até o 11 de outubro: no punto de lectura teremos unha selección de libros e de textos traducidos, dous poemas traducidos do portugués e do catalán no recanto da poesía e a convocatoria dun concurso de tradución co que o noso alumnado poderá conseguir os primeiros bibliopuntos do curso. Máis información, na sección de biblioteca do sitio web do instituto.



Benvidos ao novo curso e boa viaxe!