12.5.06

CLUB DE LECTURA: Erros e tánatos, de Gonzalo Navaza

Imos aproveitar este novo espazo para convidarvos a participar na segunda sesión do noso club de lectura o 24 de maio, ás 20,00h na biblioteca do instituto. Igual que fixemos xa a finais de marzo con Noite de voraces sombras, de Agustín Fernández Paz, ímonos xuntar de novo para falar de Erros e tánatos, un volume de relatos de Gonzalo Navaza publicado no ano 1996. Tamén desta vez imos ter a oportunidade de contar coa presenza do autor. Anímate a celebrar esta Semana das Letras Galegas lendo Erros e tánatos e achégate o día 24 á nosa biblioteca para compartirmos conversa. Se xa o liches, convidámoste a que vaias deixando aquí os teus comentarios sobre o libro.

Nace Bibliolaxe

Desde a biblioteca do instituto queremos celebrar a Semana das Letras Galegas poñendo ao voso dispor un novo espazo para compartirmos as nosas lecturas: o blog Bibliolaxe. Queremos que sexa un lugar de encontro para dar conta das novidades que entran na biblioteca, para recomendar libros, para comentar, para opinar, suxerir, preguntar ou informar sobre todo o que teña que ver co mundo do libro e a lectura.