18.12.08

Despedímonos!

Hoxe rematou o xogo de busca do pista a pista e chegaron os primeiros bibliopuntos. Onte celebramos a sesión do club de lectura, con 17 persoas que falamos de poesía e lemos poemas. Moitos libros de poesía marcharon onte a pasar o nadal nas casas dos nosos usuarios. Tamén as nosas guías con recomendacións de lecturas voaron xa para as casas do noso alumnado e para as librarías de Gondomar. Só nos queda despedirnos desexándovos unhas boas vacacións e un feliz 2009. En xaneiro volveremos con máis lecturas e máis actividades.

Por se aínda non lles escribistes as cartas aos reis magos, aquí vos deixamos a ligazón co blog da asesoría de Bibliotecas Escolares, onde poderedes curiosear nas moitísimas guías de lecturas que elaboraron este ano as bibliotecas escolares galegas. É un auténtico luxo podermos contar con tantas referencias feitas desde a experiencia, a profesionalidade e o cariño.

17.12.08

150 GRAMOS DE POESÍA

Hoxe, ás 18:00h, imos celebrar na biblioteca a sesión trimestral do club de lectura, dedicada nesta ocasión á poesía. Imos falar de poesía, recomendar libros de poemas, escoitar as recomendacións dos demais, ler en voz alta aqueles poemas que máis nos gustasen e compartir así eses 150 gramos de poesía que nos fixeron emocionarnos ou sorrir.


Nestas últimas semanas estivemos traballando coa poesía en diferentes grupos a través dunha cesta con libros de poemas preparada pola biblioteca. Tamén están expostos no instituto os traballos realizados polo alumnado de 1ºESO. Hoxe pecharemos esas actividades coa sesión de club de lectura, que está aberta ás familias. Tamén para as nais e pais do alumnado de 1º e 2º de ESO teremos ás 17:30h unha visita á biblioteca para presentarlles os fondos e servizos, moi especialmente os materiais da sección de nais e pais.

10.12.08

PISTA A PISTA

Mañá comeza o Pista a pista, o primeiro xogo de busca deste curso. Desde o día 11 de decembro, xoves, propoñerémosvos cinco xogos de busca simultáneos que vos han levar a descubrir cinco datos. Cada día no recreo ofrecéremosvos no taboleiro da biblioteca unha pista para cada unha das cinco buscas. Teredes até o día seguinte ás 12,20h para deixar as vosas respostas nunha caixa que haberá na biblioteca. Ás 12,25 poñeremos unha nova pista que vos permitirá seguir buscando, no caso de que aínda non atopásedes a resposta. O xogo rematará o día 18. Ningún participante poderá dar máis de unha resposta por día. Ao final, faremos públicas as respostas correctas e a listaxe de bibliopuntos conseguidos polos diferentes participantes.

Podedes facer os cinco xogos de busca ou centrarvos nalgún. O número de bibliopuntos dependerá das pistas que precisedes para dar coa resposta correcta:

1ª pista: 5 bibliopuntos.
2ª pista: 4 bibliopuntos.
3ª pista: 3 bibliopuntos.
4ª pista: 2 bibliopuntos.
5ª pista: 1 bibliopunto.

Se deixades un comentario coa vosa opinión sobre o xogo aquí, no blog da biblioteca, poderedes conseguir, ademais, outro bibliopunto.

25.11.08

NON Á VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES

Hoxe celébrase o Día contra a violencia cara ás mulleres. No punto de lectura teremos toda a semana unha selección de recursos da biblioteca que nos axudarán a saber máis sobre este tema e, sobre todo, a sensibilizarnos da necesidade de estarmos alerta ante un problema social que se nos pode presentar baixo moitas caras, non sempre evidentes.


Con esa selección de recursos queremos sumarnos ao traballo que desde a materia de Educación Plástica fixeron estes días os nosos alumnos e alumnas coa súa profesora, Chus Ferrín, e ao traballo que a profesora Elena Fernández fixo co alumnado de TICs de 1º Bach, recollido no blog TICS para educar.

Como cada ano, son moitas as bibliotecas escolares galegas que ofrecen estes días os seus blogs como galería de imaxes e recursos que queren deixar oír a súa voz contra a violencia cara ás mulleres. Deixámosvos aquí as ligazóns a algunhas desas interesantes propostas:

Mesturas
Trafegando ronseis
O segrel do Penedo
Bibliobóveda
Biblioafonso
Biblioarzúa

23.11.08

RECANTO DA POESÍA

LA VERDAD DE LA MENTIRA


Al lector se le llenaron de pronto los ojos de lágrimas,
y una voz cariñosa le susurró al oído:
-¿Por qué lloras, si todo
en ese libro es de mentira?
Y él respondió:
-Lo sé;
pero lo que yo siento es de verdad.


Ángel González, Nada grave


Os versos do último libro de Ángel González son tan fermosos que queremos que nos acompañen esta semana no “Recanto da poesía
”.

20.11.08

LEO POEMAS

LEO POEMAS

Leo poemas al azar,
leo casi sin pensar en lo que leo.
Cuando me encuentro un verso triste,
siento en el alma como una caricia.
No es que me alivie la tristeza ajena;
es que me siento menos solo.

Ángel González, Nada grave














Bagdad

A paz abafa

calada nas casas

da gran Bagdad.

Bagdad agarda
mañás calmas

bañadas na paz.

A paz calza alpargatas
balas calza

a arma fatal.

Bagdad arrastra
palabras mancadas

tras as armas vas.

A paz, palabra tan cara,
a paz,

palabra cabal.

Bagdad agarda
a paz da nácara,

prata, ámbar, ananás

...

A PAZ


Elvira Riveiro Tobío, Palabras brancas (2008)


Esta é unha pequena mostra das moitas novidades que están a entrar estes días na biblioteca.

12.11.08

O poema da semana

Logo dun par de semanas co noso recanto da poesía dedicado aos versos que Agustín Fernández Paz toma prestados para ofrecérnolos nas páxinas de O único que queda é o amor, esta semana temos no expositor este poema de Luis Alberto de Cuenca.

DNA

DNA o ADN, poco importa
si en castellano o en inglés: el caso
es que me muero por tus proteínas,
por tus aminoácidos, por todo
lo que fuiste una vez, cuando tus padres
vinieron de cenar algo achispados
y, después de tirar de la cadena,
hicieron una nueva con tu nombre,
con tus curvas y con tus fantasías.
Dame una foto de tu DNA
tamaño DNI, que me retuerzo
de ganas de mirarla a todas horas.

Luis Alberto de Cuenca, Por fuertes y fronteras

26.10.08

Parabéns para Agustín Fernández Paz

Desde a biblioteca do IES Auga da Laxe queremos sumarnos á chuvia de parabéns que estes días recibe Agustín Fernández Paz, quen acaba de ser distinguido co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil-2008 polo seu libro O único que queda é o amor, unha obra que está ao voso dispor na nosa biblioteca e que recomendabamos no último boletín Líber do curso pasado.

Agustín Fernández Paz é un referente para as actividades da nosa biblioteca desde hai anos. Precisamente "Un río de palabras", un dos relatos que se inclúen no libro, deu lugar en maio de 2005, cando aínda estaba inédito, a un interesante traballo e a unha orixinal campaña de fomento da lectura polas rúas de Gondomar, desenvolvida polo alumnado de 4ºESO do noso instituto. Tamén Agustín Fernández Paz, nunha charla para as nais e pais do noso alumnado, puxo a semente da que nacería despois o noso club de lectura, que el mesmo inaugurou nunha sesión na que charlamos sobre o seu libro Noite de voces sombras. E tamén estivo presente Agustín na festa de fin de curso do ano pasado, nunha actividade promovida pola nosa biblioteca en colaboración cos departamentos de Lingua Galega e Educación Plástica: unha pequena peza de títeres representada polo alumnado de 1ºESO cun texto no que algúns dos protagonistas de diferentes obras de Agustín baixaron da biblioteca para conversar sobre os temas e os referentes que están presentes nos seus libros.

Pola amabilidade coa que sempre atende as nosas peticións, pola súa proximidade, acabou converténdose nun amigo da nosa biblioteca, o que fai que este premio nos alegre dun xeito especial. E para celebralo, esta semana o noso recanto da poesía acolle un fragmento do relato "Un radiante silencio", incluído en O único que queda é o amor. Deixámosvolo tamén aquí:


"Unha mañá, cando se dirixiu á sección de poesía, como sempre adoitaba facer despois de tomar o café, reparou en algo que lle chamou a atención. Alí, sobresaíndo encaixada entre dous libros, había unha pequena cartolina de cor azul que destacaba de xeito rechamante. Colleuna, intrigada. Era unha tarxeta alongada que tiña por unha das súas caras uns poucos versos escritos a man:

Tu cuerpo puede
llenar mi vida,
como puede tu risa
volar el muro opaco
de la tristeza.

Una sola palabra tuya quiebra
la ciega soledad en mil pedazos.

A lectura daqueles versos deixouna paralizada pola emoción, poucas veces se atopara cunha carga tan intensa nunhas poucas palabras, unha carga concentrada nelas como din que está a materia no núcleo dalgunhas estrelas. Releunos unha e outra vez, conmocionada, mentres miraba a un lado e a outro para comprobar se alguén se decatara do seu azoramento. Mais ninguén parecía reparar nela, nin na tarxeta que sostiña tremente entre as súas mans".


Agustín Fernández Paz, "Un radiante silencio", en O único que queda é o amor (2007)

Máis información sobre o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil a Agustín Fernández Paz, no blog de Edicións Xerais.

22.10.08

Día da Biblioteca

O 24 de outubro celébrase o Día Internacional da Biblioteca. No IES Auga da Laxe imos aproveitar esta data para organizar, como en anos anteriores, un programa de visitas á biblioteca do instituto para o alumnado novo (1ºESO e 1ºBACH). O obxectivo é informalos sobre os servizos, recursos e funcionamento da biblioteca e, no caso de 1ºESO, realizar ademais algún xogo de busca de información. Queremos así presentarlle a nosa biblioteca ao alumnado para que sexa para eles un referente, o servidor central que debuxa Manuel Lariño neste cartel da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Eduación, esa luz da que nos fala Agustín Fernández Paz no manifesto co que a Consellería de Cultura celebra esta data.


ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ
Agustín Fernández Paz

ABRE AS PORTAS e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca.

Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda.

Quizais poderiamos seguir vivindo se nos faltase este aire que fai vibrar todas as células do noso corpo, se cadra as persoas continuariamos coa nosa existencia rutineira se non existise a biblioteca, mais algún lugar decisivo ficaría baleiro no noso corazón.

Faltaríanos a enerxía que nos fai desexar unha vida mellor, unha cidadanía máis libre, unha sociedade máis xusta. Doeríanos non escoitar a voz das persoas que sufriron a historia e a das que a sofren agora mesmo; sería insoportable oír só as palabras dos que tentan dirixir e controlar as nosas vidas.

Para que isto non suceda, abre as portas e entra. Ábreas sempre, todas as portas, pois cada vez que o fas incorpóraste ao río subterráneo que alimenta a biblioteca, ao torrente de liberdade que a fai vivir e lle dá azos renovados.

ABRE OS LIBROS e mergúllate na auga da vida que abrolla irreprimible desde as súas páxinas. Déixate arrastrar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes. Non esquezas nunca o abraio que experimentamos nos anos da infancia, cando se nos revela a dimensión máxica que teñen as palabras e descubrimos que as páxinas dos libros poden conter o mundo enteiro.
Como as labregas que se afanan na rebusca de espigas entre os regos despois da ceifa, tamén os escritores recollen as palabras unha a unha e elaboran con elas o humilde pan dos seus textos. Deste xeito fan que cheguen ata nós, sempre novas e sempre sorprendentes, pois os libros posúen a insólita capacidade de revivir e reinventarse en cada nova lectura.

Todas as persoas necesitamos as historias, os soños, as palabras, talvez sexa unha característica inscrita no ADN da humanidade. Necesitámolas coma o comer, como beber auga, xaora que si. Para entendermos o mundo e para entendernos a nós mesmos, para soñar outros destinos, para loar os dons que a vida nos dá. Sabemos que non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e da creatividade, sen as palabras que expresan a variedade e a beleza dos nosos desexos e dos nosos sentimentos.

Por todo iso, abramos os libros. Eles conteñen os soños, as paixóns, os medos, os amores, as risas. Nas súas paxinas habita a inmensa variedade de sentimentos e experiencias da humanidade, das persoas que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos. Os libros: ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender o oficio de vivir, para cambiarnos a vida e implicármonos na transformación do mundo.

ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ que traspasa todos os muros, unha luz que se fai máis intensa cando medran as persoas que a incorporan ás súas vidas. As mesmas persoas que logo, ao saíren por rúas e prazas, levarán canda elas o reflexo desa luz, a semente dese mundo novo que algún día faremos agromar. Un mundo máis solidario, máis plural, máis culto, máis xusto. Un mundo onde non se escoite a voz adormecedora dos poderosos, senón as palabras múltiples e diversas de todas as persoas que habitamos esta casa común que é o noso planeta.

17.10.08

II Encontros de Bibliotecas Escolares

Os días 17 e 18 de outubro celébranse en Compostela os II Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia, organizados pola Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación. Baixo o lema Bibliotecas para ler e aprender, os encontros ofrecen un atractivo programa no que se inclúen tanto conferencias de especialistas como paneis de experiencias, fundamentalmente de bibliotecas escolares galegas integradas no PLAMBE. A nosa biblioteca estará presente o sábado 18 á mañá a través dun relatorio no que explicaremos o traballo desenvolvido o curso pasado na materia Proxecto Interdisciplinar de 1ºESO.

13.10.08

Ramiro Fonte, na memoria

Esta fin de semana faleceu en Barcelona o poeta e narrador galego Ramiro Fonte, director do Instituto Cervantes en Lisboa. No punto de lectura teremos estes días algunha información sobre a súa obra, así como os exemplares dos seus libros que temos na biblioteca. Tamén o noso recanto da poesía lembrará esta semana os seus versos.


Non vos preocupedes da miña soidade
que acepto e que merezo sen dúbida ningunha
ou da melancolía atenta, resignada
coa que ás veces procuro rematar os poemas,
como facendo o aceno
daquel que sabe a tempo retirarse.

No blog bretemas podedes atopar máis información e ligazóns.

8.10.08

Por fin abrimos a biblioteca


Esta semana abrimos a biblioteca, cun considerable atraso e un certo pouso desencantado. Foi un comezo difícil. Como consecuencia dos recortes de profesorado e da redución de horas de atención á biblioteca, o Equipo de Biblioteca decidiu, nunha reunión celebrada o 18 de setembro, suspender todo o labor de dinamización por non poder atendelo e centrar as poucas horas que tiñamos en labores de catalogación e préstamo. Esta semana, logo de que nos enviasen unha nova profesora e se refixesen os horarios, abrimos cunha dedicación horaria digna, a que o traballo da biblioteca precisa, en beneficio de todos. Deste xeito poderemos seguir desenvolvendo o labor de dinamización que xa realizabamos en anos anteriores e abriremos a biblioteca tres tardes fóra do horario lectivo: os martes, mércores e xoves, de 17:00h a 19:00h.

Conseguimos finalmente as horas que precisabamos, pero perdemos polo camiño moitas enerxías e acabamos coa sensación de que, a pesar do esforzo por formarnos e por desenvolver actividades de dinamización máis alá dos nosos horarios, cada comezo de curso temos que enfrontarnos á incertidume de non saber se imos dispoñer dun mínimo de horas para continuar co noso traballo. Desde as bibliotecas escolares galegas, sobre todo desde a posta en marcha do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, estamos a desenvolver un traballo intenso e innovador que se converteu xa nun referente no resto do estado. Aínda así, na maioría dos casos as horas de biblioteca non son consideradas como lectivas, non hai unha dotación horaria mínima establecida e segue sen existir un recoñecemento oficial da figura do responsable da biblioteca escolar.

A pesar do desgaste que supuxo a tensión deste comezo de curso, retomamos o traballo coa ilusión e as ganas de sempre, conscientes da importancia que nos centros de ensino teñen as bibliotecas escolares e sabedores de que, como din algúns compañeiros doutras bibliotecas, estamos nunha carreira de fondo que pouco a pouco está a dar froitos. Aínda así, non podemos evitar traer aquí a pregunta que máis se repite nos foros e nas actividades de formación relacionadas co ámbito das bibliotecas escolares: para cando o recoñecemento oficial do noso traballo e das horas que se precisan para desenvolvelo?

26.6.08

Até o próximo curso

Rematou o curso 2007/08 e, xunto co boletín de notas, o noso alumnado levou o número 37 do boletín informativo da biblioteca Líber, con información das últimas actividades e algunhas recomendacións de lecturas para o verán.

A biblioteca chegou case aos 1.600 préstamos (a cifra máis alta destes últimos anos) e acolleu moitas actividades de dinamización e de formación de usuarios. Destaca neste sentido o feito de que se impartise nela a nova materia Proxecto Interdisciplinar de 1ºESO, que lles permitiu aos alumnos e alumnas ter un maior coñecemento da biblioteca e realizar alí varios proxectos de investigación, que eles mesmos valoraron moi positivamente tanto nas enquisas de avaliación como no blog que abrimos para esta materia.

Outra das novidades deste curso foron os bibliopuntos que conseguiron os ususarios da biblioteca ao participaren nas actividades: xogos de busca, club de lectura, recomendacións de libros, blog, etc. Finalmente foron 45 os alumnos e alumnas que obtiveron bibliopuntos, unha listaxe encabezada por Sabela Vilar de 1ºESO-A (38 bibliopuntos), Enrique Crespo de 1ºESO-C (36 bibliopuntos), Ángela García de 2ºBACH-A (28 bibliopuntos), Erea Fabeiro de 2ºBACH-A (26 bibliopuntos) e Camila Álvarez de 1ºESO-C (24 bibliopuntos). Estes cinco alumnos gañaron cadanseu cheque de 30 euros para gastar nunha das librarías de Gondomar.

Os nosos parabéns para eles e tamén para os compañeiros e compañeiras que máis libros levaron da biblioteca: Inés de Jesús (1ºESO-C), Carlos Muñoz (1ºBACH-A), Teresa Méndez (4ºESO-A), Antonio G. Rodríguez (1ºESO-B) e Tomás Palamidessi (2ºBACH-B).

Aquí vos deixamos as nosas recomendacións de lectura para as vacacións do verán. Até o próximo curso.

● Agustín Fernández Paz, O único que queda é o amor, Xerais.

Nos relatos deste libro os personaxes namóranse e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro. E nesa experiencia os libros son compañeiros fundamentais.



● Carlos Ruiz Zafón, El juego del ángel, Planeta.

El juego del ángel é a segunda entrega dun ciclo de catro novelas interconectadas e ambientadas na Barcelona misteriosa e gótica que vai dende a era da revolución industrial até os anos posteriores á guerra civil española.


● Agustín Agra, Cazaría salvaxe, Xerais. Novela de terror e misterio.
● María Reimóndez, Lía e as zapatillas de deporte, Xerais.
● J.K.Rowling, Harry Potter e as reliquias da morte, Galaxia. Sétima e última entrega desta saga de maxia e aventuras.
● Iolanda Zúñiga, Vidas post-it, Xerais.
● Ángel González, Antología de poesía para jóvenes, Alfaguara.
● Ignacio Martínez de Pisón, Dientes de leche, Seix Barral.
● Eduardo Mendoza, El asombroso viaje de Pomponio Flato, Seix Barral.
● Linzi Glass, El final de la inocencia, Siruela.

4.6.08

Gañadores do xogo do álbum de cromos

Finalmente foron 18 os alumnos e alumnas que conseguiron completar o álbum de cromos dentro do prazo establecido. Realizado o sorteo, os gañadores dos dous cheques de 50 euros para gastar nalgunha libraría de Gondomar foron Sabela Vilar (1ºESO-A) e Pablo Durán (1ºESO-C). Os nosos parabéns!!

Repartíronse en total 437 sobre de cromos, con 3 cromos cada un, o que supón un total de máis de 1.300 cromos en circulación. Os catro alumnos que máis cromos conseguiron foron Enrique Crespo con 38 sobres, Sabela Vilar con 30, Federico Villar con 27 e Camila Álvarez tamén con 27. Os nosos parabéns tamén para estes compañeiros que, levasen o cheque ou non, foron os que máis preguntas responderon nos recreos e os que máis recomendacións de lecturas deixaron tanto na biblioteca como no blog.

Todo o alumnado participante recibiu unha mochiliña cun caderno de viaxe no que poderán ir recollendo as súas lecturas de verán. Agardamos que algunhas desas lecturas cheguen tamén aquí, ao noso blog, en forma de recomendacións, para non perdermos ese hábito adquirido durante o xogo de compartir libros cos demais. Así todos saímos gañando.

Aquí vos deixamos algunhas imaxes dos últimos momentos do xogo e do esperado sorteo de cheques na biblioteca. Grazas a todos e a todas vós por participar con tanto entusiasmo!!








26.5.08

Os últimos cromos

Hoxe entregamos os últimos sobres do xogo do álbum de cromos da biblioteca. Foron dúas semanas de intensa actividade para todos os alumnos e alumnas que participaron: responderon 291 preguntas na biblioteca nos recreos, deixaron 82 recomendacións de lecturas na caixa da biblioteca e case 200 no noso blog. Sabemos que xa hai dous álbums completos, con todas as portadas de libros, pero quedan aínda un par de días para que intercambio de cromos que tan ben funcionou nestas dúas semanas dea os seus últimos froitos. O mércores no recreo remata o prazo para entregar o álbum e poder entrar no sorteo dos dous cheques de 50 euros para gastar nalgunha das librarías de Gondomar.

Deixámosvos aquí algunhas fotos e convidámosvos a que nos contedes o que vos pareceu o xogo para facermos avaliación entre todos desta actividade que revolucionou a biblioteca durante dúas semanas.


12.5.08

O álbum de cromos da biblioteca

Hoxe comeza o xogo do álbum de cromos da biblioteca, dirixido ao alumnado de 1º e 2º da ESO. Temos anotados 53 alumnos e alumnas que a partir de hoxe comezarán a xuntar e a intercambiar os cromos -portadas de libros- que poderán pegar no álbum que lles demos seguindo as pistas que nel figuran. Hai tres xeitos de conseguir os sobres de cromos:

1. Participando nun xogo de preguntas que teremos todos os recreos na biblioteca.

2. Deixando unha recomendación dalgún libro no club de lectura virtual, ao que podedes acceder picando na ligazón que atoparedes no panel lateral deste blog.

3. Deixando unha recomendación de lectura na caixa que hai na biblioteca. No taboleiro atoparedes unhas fichas para facelo. Esas recomendacións poñerémolas logo no novo panel que hai á entrada da biblioteca.

Agardamos que este novo xogo sexa divertido e que vos permita coñecer mellor a biblioteca e compartir con todos as vosas lecturas favoritas.

8.5.08

Ven á semana fantástica... da biblioteca!

Logo de que a biblioteca recuperase o seu aspecto habitual e desaparecesen as obras e cables que nos inundaron este último mes, convidámosvos a achegarvos á nosa semana fantástica. Tanto no punto de lectura como na propia biblioteca tedes destacadas esta semana as novidades de literatura fantástica que fomos incorporando. Inclúense, entre outros, os tres títulos da triloxía de Fairy Oak, que algúns dos nosos alumnos e alumnas nos pediron.


23.4.08

JUAN GELMAN. SEGUNDA ENTREGA


“Pero hay recuerdos que no necesitan ser llamados y siempre están ahí y muestran su rostro sin descanso. Es el rostro de los seres amados que las dictaduras militares desaparecieron. Pesan en el interior de cada familiar, de cada amigo, de cada compañero de trabajo, alimentan preguntas incesantes: ¿cómo murieron? ¿Quiénes lo mataron? ¿Por qué? ¿Dónde están sus restos para recuperarlos y darles un lugar de homenaje y de memoria? ¿Dónde está la verdad, su verdad? La nuestra es la verdad del sufrimiento. La de los asesinos, la cobardía del silencio. Así prolongan la impunidad de sus crímenes y la convierten en impunidad dos veces.
[...]
Hay quienes vilipendian este esfuerzo de memoria. Dicen que no hay que remover el pasado, que no hay que tener ojos en la nuca, que hay que mirar hacia adelante y no encarnizarse en reabrir viejas heridas. Están perfectamente equivocados. Las heridas aún no están cerradas. Laten en el subsuelo de la sociedad como un cáncer sin sosiego. Su único tratamiento es la verdad. Y luego, la justicia. Sólo así es posible el olvido verdadero. La memoria es memoria si es presente y así como Don Quijote limpiaba sus armas, hay que limpiar el pasado para que entre en su pasado. Y sospecho que no pocos de quienes preconizan la destitución del pasado en general, en realidad quieren la destitución de su pasado en particular.”


Fragmento do discurso de Juan Gelman ao recibir o premio Cervantes.

21.4.08

JUAN GELMAN

O 23 de abril, Día do Libro, o poeta arxentino Juan Gelman (Buenos Aires, 1930) recollerá en Alcalá de Henares o premio Cervantes.

Nos seus primeiros libros aparecen xa os temas que van ser constantes na súa obra: o amor, a política e a vida cotiá. Durante a ditadura militar arxentina (1976-1983) foi perseguido e tivo que exiliarse. O seu fillo e a súa nora, embarazada de 8 meses, foron detidos e “desaparecidos”. A obra desta época reflicte a dor pola perda do fillo e de moitos amigos e compañeiros. É unha poesía que quere loitar contra o esquecemento.

“¿Qué hicieron de vos / hijo / dulce calor que alguna vez niñaba al mundo / padre de mi ternura / hijo que no acabó de vivir?”

Desde hai case 20 anos reside en México e vén de publicar Mundar, o seu último poemario.

Nunha entrevista, publicada por El País o 26 de xaneiro de 2008, Gelman di:
“El pasado forma parte de nosotros. [...] El mío ha sido un pasado muy marcado por ciertas tragedias, el exilio, la desaparición de mi hijo... que dejan una huella muy fuerte. Me interesa saber qué pasó. Indagarlo, no como nostalgia, sino como pregunta. No es una actitud pasiva, creo yo. Intento no quedarme en el pasado. Estoy viviendo hoy. Tal vez por eso haya en mis poemas tantas preguntas.”



Foto de Ale Palamidessi

Hai poemas de Gelman agardando por ti no Recanto da Poesía.

16.4.08

Dous premios e un poema

Parabéns para o IES de Sanxenxo que acaba de recibir o premio Irmandade do Libro á mellor campaña de fomento da lectura nun centro educativo, no que recibiron tamén dous accésit o CEIP Emilia pardo Bazán e o IES Álvaro Cunqueiro, de Vigo. No blog do IES de Sanxenxo podedes botarlle unha ollada ás súas actividades, entre elas as bases da IV edición do seu certame literario.

Parabéns tamén para Ángela García e Jénnifer Simoes, alumnas nosas de 2º de bacharelato, que gañaron os dous exemplares de La Tierra herida que sorteabamos entre o alumnado participante no xogo de preguntas sobre cambio climático que convocamos como complemento ao noso club de lectura. Esta tarde, ás 18:00h, teremos na biblioteca a sesión presencial na que, ademais de falar do libro de Miguel Delibes e Miguel Delibes de Castro, poderemos ver un pequeno documental sobre o cambio climático.

Deixámosvos por último o noso bocadiño de poesía desta semana:


ULISES


Os reis dos gregos convocáronme

a aventuras remotas. Sombras imprecisas

finxían ós meus ollos armas

de sonoroso bronce,

catálogos de naves,

gloriosos estandartes,

cabalos de madeira, incendios,

horrendos cíclopes, sereas

de portentoso canto,

praias ignotas e nausícaas.

Mais eu fíxenme o tolo.

Despedín con presentes

os pomposos arautos,

e non abandonei

a casa de Laertes,

nin durmín unha noite

fóra do leito de Penélope.

Darío Xohán Cabana, Cabalgada na brétema

6.4.08

O RECANTO DA POESÍA



LATITUD

No quiero más que estar sobre tu cuerpo
como lagarto al sol los días de tristeza.

Se disuelve en el aire el llanto roto,
el pie de las estatuas
recupera la hiedra
y tu mano me busca
por la piel de tu vientre
donde duermo extendido.


José Ángel Valente, Mandorla, 1982


Este texto do poeta ourensán José Ángel Valente agarda por vós no Recanto da Poesía.

2.4.08

Unha despedida e unha benvida

Acabamos de despedir a exposición do Día Mundial da Poesía Elas, poetas, que nos acompañou estes últimos días no punto de lectura. Tanto o expositor como os libros están de volta na biblioteca, igualmente ao voso dispor.

E, ao tempo que despedimos o expositor das poetas, dámoslle a benvida a un novo punto de referencia dos materiais da biblioteca: temos na sala de profesores un novo expositor no que imos ir ofrecendo unha selección de materiais de especial interese para o profesorado, nun esforzo por achegar os nosos materiais cada vez máis aos destinatarios.







12.3.08

ELAS, POETAS












Olga Novo

Achégase o 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, e o recanto da poesía da biblioteca do IES Auga da Laxe, que nos agasalla desde hai tres anos cun poema quentiño cada semana, disponse a recibir esta data coa palabra poética das mulleres máis novas. Elas, as poetas que enchen as follas máis recentes da edición de poesía en galego e en castelán, agardan por vós no punto de lectura, onde poderedes atopar os seus libros xunto cunha selección de poemas para ler ou para levar e saborear logo en soidade. Lupe Gómez, Olga Novo, Paula Carballeira, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, María do Cebreiro, Xiana Arias, Mónica Góñez, Ana Romaní, Luísa Castro,Vanesa Pérez-Sauquillo, Almudena Guzmán, Ada Salas, Inmaculada Mengíbar, Ariadna G. García, Carmen_Jodra e Elena Medel son as poetas que poderedes ler durante un par de semanas no punto de lectura. Logo regresarán aos andeis da biblioteca, onde poderedes atopalas con facilidade xa que os libros de poesía teñen agora un círculo vermello no lombo.

Que teñades boas vacacións, boas lecturas e un feliz Día da Poesía!

3.3.08

Muller e poesía

Esta semana o recanto da poesía do instituto acolle un par de poemas do libro As horas de María, de Paco Souto. É a nosa pequena homenaxe a tantas marías que moven a nosa sociedade, xusto ás portas do Día da Muller Traballadora.


ENCALDADA

Anacos de pan duro
Verzas e millas
Mondas de pataca
Auga quente de maio
Auga fría de sete outonos
E tres gotas non máis de auga bendita

No pote de ferro
María cociñando o vento

***

De nena
Chamar as vacas do verán

Ei morena ve!
Careta ao rego!

Traballo simple
De atinar
Cuestión de ritmo

O tío Manuel
Cravando fondo o arado milenario
Nas veas da terra
Atrás
A xente
E María dos mil anos
Apañando as patacas
De entre o sangue

Paco Souto, As horas de María, 2007


E, na voz de Paco Souto, aquí vos deixamos tamén esta carta de María a Manuel.

25.2.08

O RECANTO DA POESÍA

Él me da todo
lo que necesito.

Cobijo y abrigo
en las noches
de frío
y sombra y frescor
en los días
de calor.

De él como,
de él bebo
y por él respiro.

Y cuando extiende
sus ramas
y su aroma de cedro
me abraza
las mariposas saben
que tienen
que dejarnos solos.

Almudena Guzmán, El príncipe rojo, 2005


Esta é a nosa invitación á poesía para a semana. Pertence ao último libro de Almudena Guzmán co que gañou o V Premio Internacional de Poesía “Claudio Rodríguez”.
Na biblioteca do IES poderás atopar USTED, un dos seus poemarios máis coñecidos.

Boas lecturas!

1.2.08

Xa temos gañadores

Xa sabemos quen son os alumnos que gañaron os catro exemplares das novelas que sorteabamos no xogo de preguntas desta semana:

Cristina Alonso Fernández (2º BACH-B)
Camila Álvarez Pereira (1ºESO-C)
Carlos A. Muñoz Argibay (1ºBACH-A)
Inês Pereira Casaca de Jesús (1ºESO-C)

Ademais, todos os que participastes tedes dous novos bibliopuntos que se suman na vosa conta. Á volta das vacacións de entroido poderedes consultar no taboleiro da biblioteca a listaxe actualizada de bibliopuntos.

30.1.08

Palabras para a paz

Con motivo da celebración do Día da Paz, temos esta semana no punto de lectura unha exposición de libros da biblioteca relacionados con este tema. Tamén o xogo de preguntas que tedes no taboleiro da biblioteca ten que ver con diferentes galardoados co premio Nóbel da paz: até o xoves no recreo podedes participar e, ademais de gañar dous bibliopuntos, entraredes no sorteo de 4 exemplares dos libros propostos para o club de lectura do próximo 13 de febreiro.

Como mostra destas palabras para a paz que vos ofrecemos desde a biblioteca, deixámosvos aquí o poema de Xosé Mª Álvarez Blázquez que esta semana podedes atopar no noso recanto da poesía:

Non é certo que os nenos teñan fame.
Non pode ser.
Ben o sabedes todos
os que andades no mundo atafegados
á percura do pan dos vosos fillos.
Ises outros que vedes pola rúa
pedindo esmola,
non teñen fame, non, porque daquela
vos teríades morto de vergonza.
E ben vos vexo andar nos vosos
coches ou nos tranvías, a berrar de cousas
estranas: -¡viva, beba, baba, buba!-
sen reparar naquil esfarrapado
que coa moura mauciña está petando
na porta de ferro.
Por iso penso que non é verdade
o que algún caviloso di dos nenos
que andan así petando pola vida.
-¡Non, home, non!- lle dixen a un
de aqueles.
-A xente pasa leda... ¡Fora boa
que andivesen a rirse dos seus crimes!

Xosé María Álvarez Blázquez (1915-1985)


Recomendámosvos visitar os outros blogs das bibliotecas escolares galegas onde poderedes atopar diferentes textos e materiais audiovisuais que sen dúbida contribuirán á necesaria reflexión arredor deste tema.

18.1.08

Nova sesión do club de lectura

Acabamos de convocar unha nova sesión do club de lectura. Será o 13 de febreiro de 2008, ás 18:00h, na biblioteca. Nesta ocasión propoñemos catro libros de ficción científica de Ramón Caride Ogando, que estará connosco o día 13: Perigo vexetal, Ameaza na Antártida, O futuro roubado e A negrura do mar. Tedes máis información na sección de biblioteca do noso sitio web.

Na próxima semana a biblioteca convocará un xogo de preguntas que vos permitirá entrar no sorteo de catro exemplares das obras propostas e conseguir os primeiros bibliopuntos do 2008. Tamén podedes ir deixando xa os vosos comentarios no club de lectura virtual.