Esta semana comezou a funcionar nas tres aulas de 1ºESO o programa de dinamización "Ler nas aulas". Desde a biblioteca preparamos tres caixas con 50 libros cada unha: en galego, en castelán, en inglés, novelas, relatos, poesía, cómic,... Unha selección variada que poñemos ao dipsor do alumnado e do profesorado para facer lectura individual nas aulas, dentro do horario lectivo. Cada caixa inclúe tamén unha folla de seguimento na que o profesorado que participe no programa poderá ir anotando os espazos que dedique á lectura dentro das súas clases e facendo as suxestións e propostas de mellora que estime oportunas. Hai tamén unhas fichas de lectura nas que os alumnos poderán ir recollendo as súas valoracións sobre os libros que vaian lendo e a súa opinión sobre esta iniciativa.
Xa vos iremos contando os resultados desta experiencia que pretende crear novos espazos e tempos para a lectura e que comeza a andar neste terceiro trimestre no que se concentran dúas datas importantes do calendario da lectura, o 23 de abril e o 17 de maio. Porque aínda que leamos e animemos a ler todo o ano, tamén está ben celebrarmos de cando en vez esa paixón lectora dun xeito especial... E para iso estamos a "cociñar" numerosas propostas para degustar no abril dos libros e o maio das letras.
19.4.07
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario