22.5.07

NOVA SESIÓN DO CLUB DE LECTURA ESTE PRÓXIMO VENRES


A biblioteca do IES Auga da Laxe vai celebrar o próximo venres, 25 de maio, ás 18:00h, unha sesión do seu club de lectura sobre a novela Smara, de Paula Carballeira, protagonizada por un neno que viaxa ao campamento de refuxiados saharauís de Smara, onde escoitará da avoa Ugago historias marabillosas que falan do deserto e das lendas e tradicións do seu pobo, os fillos da nube. A sesión, que contará coa presenza da autora, comezará co visionado da curtametraxe Lalia, de Silvia Munt, que fai un achegamento ao conflito saharauí a través dos ollos dunha nena.

O Club de lectura Auga da Laxe, que naceu o ano pasado e leva xa cinco convocatorias, ten como obxectivo favorecer a lectura reflexiva e a conversa arredor das obras propostas. Convidámosvos a achegarvos o venres ao instituto para participar nesta sesión ou a deixar a vosa opinión sobre a novela no club de lectura virtual do blog da biblioteca.