27.5.07

PAULA CARBALLEIRA NA NOSA BIBLIOTECA

O pasado venres estivo na nosa biblioteca Paula Carballeira para acompañarnos na sesión de club de lectura que tiñamos sobre a súa novela Smara. Presentou María Fernández Italiani, alumna de 2º Bach, quen nos leu ademais un fermoso texto de Paula Carballeira sobre as mulleres que contan historias, publicado na revista Animal. Logo emocionámonos con Lalia, a curtametraxe de Silvia Munt, que nos axudou a situarnos no espazo en que se suceden as historias de Smara. Despois Paula falounos da novela, falounos do pobo saharauí e das historias que aprendeu nos campamentos de refuxiados de Tinduf, contounos anécdotas, respondeu as nosas preguntas e agasallounos cun conto final. Foi unha delicia compartir hora e media cunha Paula Carballeira próxima e distendida, tenra e desenfadada, que nos fixo rir e sentir moi de preto a atmosfera cálida de Smara. Moitas grazas a Paula e a todas e todos os que nos acompañastes na última sesión do noso club de lectura por este curso. Verémonos de novo o próximo ano.