28.11.06

Propostas contra a violencia


Esta semana temos no instituto unha exposición sobre violencia contra as mulleres, na que se inclúen propostas de lecturas, de películas, de poemas, de música (un CD con doce temas que se poden escoitar ao tempo que se len as letras), datos, un par de vídeos e un panel onde podedes deixar a vosa opinión. Na nosa web podedes consultar as listaxes das diferentes propostas e botarlle unha ollada a algunhas imaxes desta actividade coa que pretendemos contribuír a unha necesaria reflexión sobre un tipo de violencia que este ano supuxo xa a morte de 62 mulleres no Estado español.

Entre as propostas de lectura destaca pola claridade da súa mensaxe Quiéreme bien. Una historia de maltrato (Lumen, 2006) de Rosalind B. Penfold, o cómic dun drama real e cotián que se repite, sempre con patróns moi semellantes, na intimidade de moitos fogares. Tamén o noso "Recanto da poesía" se achega esta semana a esta realidade que viven moitas mulleres no mundo a través dun poema de María Reimóndez que, como en Usha, nos leva a carón das mulleres da India:

As cores fanme pensar
nos meus saris,
na India,
na miña outra matria
de sufrimentos.
Por min pasan
tódalas palabras
das mulleres
que coñezo
como cores,
como bandeiras,
como saris
de tristes sorrisos
que moitos dan en chamar
exóticos.
O exotismo
de casar ós doce anos
e suicidarse
porque xa se coñecen
tódalas outras formas
de morrer.

María Reimóndez, Moda galega, 2002