27.4.07

SEMANA DO LIBRO

Remata a semana do libro e con ela a primeira das actividades que preparamos desde a biblioteca para convidarvos a viaxar lendo. Cada día levamos un libro da biblioteca até o panel do punto de lectura para ofrecervos un fragmento que servise de "aperitivo". O luns foi Smara, de Paula Carballeira. O martes, No soy un libro de José María Merino; o mércores, A expedición do Pacífico de Marilar Aleixandre; o xoves, Cidades de Fran Alonso; e hoxe, venres, O portal dos elfos de Herbie Brennan. Nas próximas semanas a estas cinco propostas sumaranse moitas máis lecturas que sairán da biblioteca para formar parte dunha exposición que estará no patio central do instituto para lembrarche que, se queres viaxar cos libros, non tes máis que vir á biblioteca.

E mentres imos preparando esa exposición e a campaña "Abril e maio, letras para todo o ano", da que vos falaremos nos próximos días, deixámosvos co comezo de Smara de Paula Carballeira, a novela protagonista da sesión do noso club de lectura deste terceiro trimestre, que terá lugar o 25 de maio ás 18:00h coa presenza da autora:

"Din que o meu pai era un bo reporteiro. Eu só sei que esperaba que volvese das súas viaxes para que me contase as historias dos lugares que coñecera. Pero ao meu pai non lle gustaban os contos, prefería falarme das paisaxes, das xentes, do grande que era o mundo.

Ao cumprir once anos, pedinlle que me levase con el nalgunha viaxe. O meu pai sorriu, aloumiñoume a cabeza e quedou coa mirada fixa no horizonte, como elixindo nun mapa invisible o lugar ao que me levaría. Supoño que despois de barallar as cartas do destino decidiu que o acompañase ao gran deserto, ao Sáhara".

23.4.07

ABRIL, MES DOS LIBROS. MAIO, MES DAS LETRAS.

O terceiro trimestre tráenos dúas celebracións importantes no calendario da lectura: o 23 de abril, Día do Libro, e o 17 de maio, Día das Letras Galegas. E aínda que nós cremos que hai que ler e animar a ler todo o ano, tampouco está de máis aproveitar estas datas para celebrar e facer da lectura unha festa. Por iso, enlazando abril e maio, a biblioteca vai desenvolver unha serie de actividades arredor dun mesmo lema: Para viaxar cos libros, ven á biblioteca. Aínda que vos iremos dando conta desas iniciativas pouco a pouco desde aquí, se queredes botarlle unha ollada á programación completa, tédela ao voso dispor na sección de biblioteca da web do instituto.


E agora deixámosvos cuns versos de Gamoneda que esta semana estarán no recanto da poesía do noso punto de lectura. Porque hoxe, 23 de abril, Día Internacional do Libro, Antonio Gamoneda (Oviedo, 1931) recibirá o premio Cervantes 2006 en recoñecemento á totalidade da súa obra. Este poeta asturiano considera que “la poesía no es exactamente literatura de ficción, sino que es una emanación de naturaleza existencial y expresa el sufrimiento y el gozo”. Se queredes coñecer máis sobre este escritor, aí van algunhas ligazóns e unha mostra da súa poesía.

http://amediavoz.com/gamoneda.htm
http://www.epdlp.com/escritor.php?id=2596


Hablan los manantiales en la noche,

hablan en los imanes del silencio.

Siento la suavidad de las palabras olvidadas.

***

Amé todas las pérdidas.

Aún retumba el ruiseñor en el jardín invisible.



Libro del frío, 1992