1.3.07

VIAXANDO CON... O PRINCIPIÑO


Podemos viaxar de moitos xeitos distintos: en tren, en barco, en globo, en soños... E tamén podemos viaxar cos libros. Durante este 2º trimestre o alumnado de 1º ESO estivo lendo O principiño, de Antoine de Saint Exupéry, o libro máis traducido da literatura francesa. Con el viaxaron por diferentes planetas, coñeceron personaxes moi peculiares e visitaron o mundo dos sentimentos. Como complemento desa lectura, desenvolvemos desde a biblioteca unha serie de propostas: un xogo de busca, uns paneis cunha selección de fragmentos e unha charla-coloquio sobre o libro. Na próxima semana pecharemos este traballo de dinamización cun programa de actividades no que haberá teatro, unha lectura plurilingüe e unha exposición de exemplares do libro traducido a 40 linguas diferentes e de traballos realizados polo alumnado de 1º ESO. No 3º trimestre a biblioteca seguirá convidándovos a viaxar cos libros, a ler o mundo.

Se picas na portada de O principiño que está aquí ao lado poderás acceder ao noso club de lectura virtual e deixarnos a túa opinión ou comentario sobre este libro.

DE VIAXE-4

Podes viaxar en soños.

28.2.07

DE VIAXE-3

Podes viaxar en globo.

27.2.07

DE VIAXE-2

Podes viaxar en barco.

26.2.07

DE VIAXE-1

Podes viaxar en tren.

25.2.07

UN ANO DE PUNTO DE LECTURA

O noso punto de lectura informal acaba de cumprir un ano. Desde que o abrimos no patio central do instituto en febreiro do 2006 foi acollendo diferentes materiais e exposicións temporais e foi mudando até a súa oferta actual: prensa do día, banda deseñada, revistas, información cultural e xuvenil e o recanto da poesía que nos ofrece un poema semanal. Desde o pasado mes de decembro dispón tamén dun punto de escoita que mantén o Departamento de Música: tres reprodutores de CDs nos que o profesor Sergio Álvarez nos vai facendo propostas musicais, tanto novidades como monográficos.

Coincidindo con este 1º aniversario do punto de lectura informal, a biblioteca acaba de habilitar no segundo andar do instituto un novo punto de traballo a disposición do profesorado e do alumnado cunha mesa de traballo e distintos materiais de apoio (dicionarios e obras de referencia), axeitado para dar clases de reforzo ou traballar nas horas libres.

Son diferentes propostas coas que queremos abrir a biblioteca á comunidade educativa e facer os seus materiais visibles en distintos espazos do instituto para conseguir unha maior proximidade. En definitiva, abrir as portas para que os libros viaxen... e vos atopen!