16.5.06

O poema da semana

Nesta Semana das Letras Galegas, o "Recanto da poesía" que temos no punto de lectura do instituto acolle un poema do libro Os soños na gaiola (1968), de Manuel María.

GALICIA

Galicia docemente
está ollando o mar:
ten vales e montañas
e terras pra labrar!

Ten portos, mariñeiros,
cidades e labregos
cargados de traballos,
cargados de trafegos!

Galicia é unha nai
velliña, soñadora:
na voz da gaita rise,
na voz da gaita chora!

Galicia é o que vemos:
a terra, o mar, o vento...
Pero hai outra Galicia
que vai no sentimento!

Galicia somos nós:
a xente e mais a fala.
Se buscas a Galicia
en ti tes que atopala!