18.12.08

Despedímonos!

Hoxe rematou o xogo de busca do pista a pista e chegaron os primeiros bibliopuntos. Onte celebramos a sesión do club de lectura, con 17 persoas que falamos de poesía e lemos poemas. Moitos libros de poesía marcharon onte a pasar o nadal nas casas dos nosos usuarios. Tamén as nosas guías con recomendacións de lecturas voaron xa para as casas do noso alumnado e para as librarías de Gondomar. Só nos queda despedirnos desexándovos unhas boas vacacións e un feliz 2009. En xaneiro volveremos con máis lecturas e máis actividades.

Por se aínda non lles escribistes as cartas aos reis magos, aquí vos deixamos a ligazón co blog da asesoría de Bibliotecas Escolares, onde poderedes curiosear nas moitísimas guías de lecturas que elaboraron este ano as bibliotecas escolares galegas. É un auténtico luxo podermos contar con tantas referencias feitas desde a experiencia, a profesionalidade e o cariño.

17.12.08

150 GRAMOS DE POESÍA

Hoxe, ás 18:00h, imos celebrar na biblioteca a sesión trimestral do club de lectura, dedicada nesta ocasión á poesía. Imos falar de poesía, recomendar libros de poemas, escoitar as recomendacións dos demais, ler en voz alta aqueles poemas que máis nos gustasen e compartir así eses 150 gramos de poesía que nos fixeron emocionarnos ou sorrir.


Nestas últimas semanas estivemos traballando coa poesía en diferentes grupos a través dunha cesta con libros de poemas preparada pola biblioteca. Tamén están expostos no instituto os traballos realizados polo alumnado de 1ºESO. Hoxe pecharemos esas actividades coa sesión de club de lectura, que está aberta ás familias. Tamén para as nais e pais do alumnado de 1º e 2º de ESO teremos ás 17:30h unha visita á biblioteca para presentarlles os fondos e servizos, moi especialmente os materiais da sección de nais e pais.