18.12.06
María Reimóndez estivo no noso club de lectura
O martes pasado, ás seis da tarde, xuntámonos no instituto algo máis de 30 persoas para participar nunha sesión do noso club de lectura arredor de Usha, a novela que desde a biblioteca propuxemos como libro do mes en novembro.Tivemos a oportunidade de contar coa presenza da autora, María Reimóndez, que nos falou do proceso de creación de Usha e das relacións entre a novela e as súas propias experiencias como cooperante na India. Intercambiamos opinións sobre o libro e comentamos as dúbidas e curiosidades xurdidas a partir da lectura, as incógnitas (que pasou co pai de Usha?) e todas as reflexións provocadas por un libro que nos permitiu coñecer dun xeito moi natural moitos aspectos da cultura india. Como era lóxico, ademais de falarmos do libro, María contounos moitas curiosidades sobre os costumes, as relixións ou as linguas na India e mesmo nos permitiu ver en directo o laborioso proceso de poñer un sari. Ademais de falar de Usha, puidemos tamén escoitar da man de Gael González, compañeiro de 2º Bach-A, unha selección de poemas do libro de María Reimóndez Moda galega.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario