28.7.11

Homenaxe a Agustín Fernández Paz

Desde a Biblioteca Agustín Fernández Paz, do IES Auga da Laxe, deixámosvos aquí este vídeo co que lle queremos facer unha pequena homenaxe á obra do escritor que lle dá nome á nosa biblioteca. En febreiro de 2010 convocamos no instituto o concurso Memoria de elefante. Durante máis de un mes os títulos das obras de Agustín estiveron colgados do patio interior nuns carteis realizados polo alumnado de 1º, 3º e 4º de ESO, grazas á colaboración do profesorado do departamento de Ed. Plástica, e propuxémoslle ao alumnado un reto: que os memorizase por orde de publicación e os recitase logo nun acto final. As gañadoras daquel xogo foron María Pena, Marta Fernández e Sandra Salgueiro, que demostraron unha capacidade memorística impresionante ao recitar cos ollos pechados os 44 títulos que naquel momento formaban a obra literaria de Agustín Fernández Paz. Daquel xogo naceu este vídeo que esperamos que vos guste.

2.6.11

A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:

Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós? En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)

26.5.11

Apadriñamento lector no CEIP Chano Piñeiro

Este pasado martes 24 de maio corenta alumnos e alumnas de 4ºESO do noso instituto participaron nun apadriñamento lector co alumnado de 3º de Educación Infantil e de 1º de Primaria do CEIP Chano Piñeiro, organizado polo departamento de Lingua Galega coa colaboración da biblioteca. Recibíronnos na recén estreada biblioteca do CEIP Chano Piñeiro e alí presentáronse as madriñas e padriños e os seus afillados e afilladas para logo marcharen por parellas a ler xuntos un par de contos e conversar arredor desas lecturas.

Moitas grazas ao profesorado do CEIP Chano Piñeiro por acoller esta iniciativa e ao seu alumnado de Infantil e 1º de Primaria polo cariño con que nos recibiron e escoitaron e polos fermosísimos marcadores de lectura personalizados cos que agasallaron os seus padriños e madriñas lectores. Sen dúbida, unha actividade atractiva e enriquecedora que nos gustaría repetir.

31.3.11

Club de lectura con Palabras de Caramelo

O próximo luns, 4 de abril, teremos unha nova sesión do club de lectura Auga da Laxe. Nesta ocasión o libro proposto é Palabras de Caramelo, de Gonzalo Moure, unha novela que nos presenta a relación de amizade entre Kori, un neno saharauí xordomudo de oito anos, e un camelo. Unha historia de silencios e palabras, de conversas coas mans e co corazón, de amizade e de dor. Unha historia que nos levará ata Smara e que nos permitirá achegarnos á vida cotiá dos campamentos de refuxiados de Tinduf, onde vive o pobo saharauí, ese pobo que Gonzalo Moure visita con frecuencia nunha relación tamén de amizade, que o levou a participar en proxectos tan fermosos como o Bubisher. Alí, en Smara, é onde Kori vai á escola e devece por aprender a escribir.

Deixámosvos aquí algunhas imaxes da sesión do trimestre pasado, cando nos xuntamos para falar de A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado.

22.3.11

Poesía fresca


Este ano celebramos o Día da Poesía convidando a ler poesía fresca. Nunha cesta que estaba no punto de lectura ofrecemos máis de 400 poemas para que o alumnado e o profesorado collesen un coma quen proba unha peza de froita fresca. Aproveitamos, ademais, para lembrar que na nosa biblioteca os libros de poesía poden localizarse facilmente porque levan un punto vermello no lombo.

9.12.10

A mansión dos Pampín, no club de lectura

A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado, será a lectura proposta para a próxima sesión do club de lectura Auga da Laxe, que terá lugar o luns, 20 de decembro, de 15:00h a 17:00h. Nesta ocasión achegarémonos a un álbum de banda deseñada no que se fala de caos urbanístico e de feísmo arquitectónico en clave de humor, unha interesante proposta que formou parte do Proxectoterra, promovido polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Na biblioteca tedes exemplares ao voso dispor. Tamén se pode ler aquí e mesmo pode verse en Vimeo unha versión dramatizada, realizada desde o IES Ferrolterra.

8.12.10

Homenaxe a Mario Vargas Llosa

Mañá, 10 de decembro, Mario Vargas Llosa recibirá en Estocolmo o premio Nobel de literatura. Con el xa son once os escritores de fala hispana que acadan este galardón.
No Punto de Lectura que a biblioteca ten na planta baixa do instituto temos esta semana unha pequena selección de fragmentos das novelas máis significativas do escritor peruano e, ao seu lado, breves biografías acompañadas de textos dos dez autores, españois e latinoamericanos, que o antecederon.


Deixámosvos tamén un fragmento do discurso de Vargas Llosa:

“Seríamos peores de lo que somos sin los buenos libros que leímos, más conformistas, menos inquietos e insumisos y el espíritu crítico, motor del progreso, ni siquiera existiría. Igual que escribir, leer es protestar contra las insuficiencias de la vida. Quien busca en la ficción lo que no tiene, dice, sin necesidad de decirlo, ni siquiera saberlo, que la vida tal como es no nos basta para colmar nuestra sed de absoluto, fundamento de la condición humana, y que debería ser mejor. Inventamos las ficciones para poder vivir de alguna manera las muchas vidas que quisiéramos tener cuando apenas disponemos de una sola”.