26.5.08

Os últimos cromos

Hoxe entregamos os últimos sobres do xogo do álbum de cromos da biblioteca. Foron dúas semanas de intensa actividade para todos os alumnos e alumnas que participaron: responderon 291 preguntas na biblioteca nos recreos, deixaron 82 recomendacións de lecturas na caixa da biblioteca e case 200 no noso blog. Sabemos que xa hai dous álbums completos, con todas as portadas de libros, pero quedan aínda un par de días para que intercambio de cromos que tan ben funcionou nestas dúas semanas dea os seus últimos froitos. O mércores no recreo remata o prazo para entregar o álbum e poder entrar no sorteo dos dous cheques de 50 euros para gastar nalgunha das librarías de Gondomar.

Deixámosvos aquí algunhas fotos e convidámosvos a que nos contedes o que vos pareceu o xogo para facermos avaliación entre todos desta actividade que revolucionou a biblioteca durante dúas semanas.


12.5.08

O álbum de cromos da biblioteca

Hoxe comeza o xogo do álbum de cromos da biblioteca, dirixido ao alumnado de 1º e 2º da ESO. Temos anotados 53 alumnos e alumnas que a partir de hoxe comezarán a xuntar e a intercambiar os cromos -portadas de libros- que poderán pegar no álbum que lles demos seguindo as pistas que nel figuran. Hai tres xeitos de conseguir os sobres de cromos:

1. Participando nun xogo de preguntas que teremos todos os recreos na biblioteca.

2. Deixando unha recomendación dalgún libro no club de lectura virtual, ao que podedes acceder picando na ligazón que atoparedes no panel lateral deste blog.

3. Deixando unha recomendación de lectura na caixa que hai na biblioteca. No taboleiro atoparedes unhas fichas para facelo. Esas recomendacións poñerémolas logo no novo panel que hai á entrada da biblioteca.

Agardamos que este novo xogo sexa divertido e que vos permita coñecer mellor a biblioteca e compartir con todos as vosas lecturas favoritas.

8.5.08

Ven á semana fantástica... da biblioteca!

Logo de que a biblioteca recuperase o seu aspecto habitual e desaparecesen as obras e cables que nos inundaron este último mes, convidámosvos a achegarvos á nosa semana fantástica. Tanto no punto de lectura como na propia biblioteca tedes destacadas esta semana as novidades de literatura fantástica que fomos incorporando. Inclúense, entre outros, os tres títulos da triloxía de Fairy Oak, que algúns dos nosos alumnos e alumnas nos pediron.


23.4.08

JUAN GELMAN. SEGUNDA ENTREGA


“Pero hay recuerdos que no necesitan ser llamados y siempre están ahí y muestran su rostro sin descanso. Es el rostro de los seres amados que las dictaduras militares desaparecieron. Pesan en el interior de cada familiar, de cada amigo, de cada compañero de trabajo, alimentan preguntas incesantes: ¿cómo murieron? ¿Quiénes lo mataron? ¿Por qué? ¿Dónde están sus restos para recuperarlos y darles un lugar de homenaje y de memoria? ¿Dónde está la verdad, su verdad? La nuestra es la verdad del sufrimiento. La de los asesinos, la cobardía del silencio. Así prolongan la impunidad de sus crímenes y la convierten en impunidad dos veces.
[...]
Hay quienes vilipendian este esfuerzo de memoria. Dicen que no hay que remover el pasado, que no hay que tener ojos en la nuca, que hay que mirar hacia adelante y no encarnizarse en reabrir viejas heridas. Están perfectamente equivocados. Las heridas aún no están cerradas. Laten en el subsuelo de la sociedad como un cáncer sin sosiego. Su único tratamiento es la verdad. Y luego, la justicia. Sólo así es posible el olvido verdadero. La memoria es memoria si es presente y así como Don Quijote limpiaba sus armas, hay que limpiar el pasado para que entre en su pasado. Y sospecho que no pocos de quienes preconizan la destitución del pasado en general, en realidad quieren la destitución de su pasado en particular.”


Fragmento do discurso de Juan Gelman ao recibir o premio Cervantes.

21.4.08

JUAN GELMAN

O 23 de abril, Día do Libro, o poeta arxentino Juan Gelman (Buenos Aires, 1930) recollerá en Alcalá de Henares o premio Cervantes.

Nos seus primeiros libros aparecen xa os temas que van ser constantes na súa obra: o amor, a política e a vida cotiá. Durante a ditadura militar arxentina (1976-1983) foi perseguido e tivo que exiliarse. O seu fillo e a súa nora, embarazada de 8 meses, foron detidos e “desaparecidos”. A obra desta época reflicte a dor pola perda do fillo e de moitos amigos e compañeiros. É unha poesía que quere loitar contra o esquecemento.

“¿Qué hicieron de vos / hijo / dulce calor que alguna vez niñaba al mundo / padre de mi ternura / hijo que no acabó de vivir?”

Desde hai case 20 anos reside en México e vén de publicar Mundar, o seu último poemario.

Nunha entrevista, publicada por El País o 26 de xaneiro de 2008, Gelman di:
“El pasado forma parte de nosotros. [...] El mío ha sido un pasado muy marcado por ciertas tragedias, el exilio, la desaparición de mi hijo... que dejan una huella muy fuerte. Me interesa saber qué pasó. Indagarlo, no como nostalgia, sino como pregunta. No es una actitud pasiva, creo yo. Intento no quedarme en el pasado. Estoy viviendo hoy. Tal vez por eso haya en mis poemas tantas preguntas.”



Foto de Ale Palamidessi

Hai poemas de Gelman agardando por ti no Recanto da Poesía.

16.4.08

Dous premios e un poema

Parabéns para o IES de Sanxenxo que acaba de recibir o premio Irmandade do Libro á mellor campaña de fomento da lectura nun centro educativo, no que recibiron tamén dous accésit o CEIP Emilia pardo Bazán e o IES Álvaro Cunqueiro, de Vigo. No blog do IES de Sanxenxo podedes botarlle unha ollada ás súas actividades, entre elas as bases da IV edición do seu certame literario.

Parabéns tamén para Ángela García e Jénnifer Simoes, alumnas nosas de 2º de bacharelato, que gañaron os dous exemplares de La Tierra herida que sorteabamos entre o alumnado participante no xogo de preguntas sobre cambio climático que convocamos como complemento ao noso club de lectura. Esta tarde, ás 18:00h, teremos na biblioteca a sesión presencial na que, ademais de falar do libro de Miguel Delibes e Miguel Delibes de Castro, poderemos ver un pequeno documental sobre o cambio climático.

Deixámosvos por último o noso bocadiño de poesía desta semana:


ULISES


Os reis dos gregos convocáronme

a aventuras remotas. Sombras imprecisas

finxían ós meus ollos armas

de sonoroso bronce,

catálogos de naves,

gloriosos estandartes,

cabalos de madeira, incendios,

horrendos cíclopes, sereas

de portentoso canto,

praias ignotas e nausícaas.

Mais eu fíxenme o tolo.

Despedín con presentes

os pomposos arautos,

e non abandonei

a casa de Laertes,

nin durmín unha noite

fóra do leito de Penélope.

Darío Xohán Cabana, Cabalgada na brétema

6.4.08

O RECANTO DA POESÍA



LATITUD

No quiero más que estar sobre tu cuerpo
como lagarto al sol los días de tristeza.

Se disuelve en el aire el llanto roto,
el pie de las estatuas
recupera la hiedra
y tu mano me busca
por la piel de tu vientre
donde duermo extendido.


José Ángel Valente, Mandorla, 1982


Este texto do poeta ourensán José Ángel Valente agarda por vós no Recanto da Poesía.

2.4.08

Unha despedida e unha benvida

Acabamos de despedir a exposición do Día Mundial da Poesía Elas, poetas, que nos acompañou estes últimos días no punto de lectura. Tanto o expositor como os libros están de volta na biblioteca, igualmente ao voso dispor.

E, ao tempo que despedimos o expositor das poetas, dámoslle a benvida a un novo punto de referencia dos materiais da biblioteca: temos na sala de profesores un novo expositor no que imos ir ofrecendo unha selección de materiais de especial interese para o profesorado, nun esforzo por achegar os nosos materiais cada vez máis aos destinatarios.







12.3.08

ELAS, POETAS












Olga Novo

Achégase o 21 de marzo, Día Mundial da Poesía, e o recanto da poesía da biblioteca do IES Auga da Laxe, que nos agasalla desde hai tres anos cun poema quentiño cada semana, disponse a recibir esta data coa palabra poética das mulleres máis novas. Elas, as poetas que enchen as follas máis recentes da edición de poesía en galego e en castelán, agardan por vós no punto de lectura, onde poderedes atopar os seus libros xunto cunha selección de poemas para ler ou para levar e saborear logo en soidade. Lupe Gómez, Olga Novo, Paula Carballeira, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, María do Cebreiro, Xiana Arias, Mónica Góñez, Ana Romaní, Luísa Castro,Vanesa Pérez-Sauquillo, Almudena Guzmán, Ada Salas, Inmaculada Mengíbar, Ariadna G. García, Carmen_Jodra e Elena Medel son as poetas que poderedes ler durante un par de semanas no punto de lectura. Logo regresarán aos andeis da biblioteca, onde poderedes atopalas con facilidade xa que os libros de poesía teñen agora un círculo vermello no lombo.

Que teñades boas vacacións, boas lecturas e un feliz Día da Poesía!

3.3.08

Muller e poesía

Esta semana o recanto da poesía do instituto acolle un par de poemas do libro As horas de María, de Paco Souto. É a nosa pequena homenaxe a tantas marías que moven a nosa sociedade, xusto ás portas do Día da Muller Traballadora.


ENCALDADA

Anacos de pan duro
Verzas e millas
Mondas de pataca
Auga quente de maio
Auga fría de sete outonos
E tres gotas non máis de auga bendita

No pote de ferro
María cociñando o vento

***

De nena
Chamar as vacas do verán

Ei morena ve!
Careta ao rego!

Traballo simple
De atinar
Cuestión de ritmo

O tío Manuel
Cravando fondo o arado milenario
Nas veas da terra
Atrás
A xente
E María dos mil anos
Apañando as patacas
De entre o sangue

Paco Souto, As horas de María, 2007


E, na voz de Paco Souto, aquí vos deixamos tamén esta carta de María a Manuel.

25.2.08

O RECANTO DA POESÍA

Él me da todo
lo que necesito.

Cobijo y abrigo
en las noches
de frío
y sombra y frescor
en los días
de calor.

De él como,
de él bebo
y por él respiro.

Y cuando extiende
sus ramas
y su aroma de cedro
me abraza
las mariposas saben
que tienen
que dejarnos solos.

Almudena Guzmán, El príncipe rojo, 2005


Esta é a nosa invitación á poesía para a semana. Pertence ao último libro de Almudena Guzmán co que gañou o V Premio Internacional de Poesía “Claudio Rodríguez”.
Na biblioteca do IES poderás atopar USTED, un dos seus poemarios máis coñecidos.

Boas lecturas!

1.2.08

Xa temos gañadores

Xa sabemos quen son os alumnos que gañaron os catro exemplares das novelas que sorteabamos no xogo de preguntas desta semana:

Cristina Alonso Fernández (2º BACH-B)
Camila Álvarez Pereira (1ºESO-C)
Carlos A. Muñoz Argibay (1ºBACH-A)
Inês Pereira Casaca de Jesús (1ºESO-C)

Ademais, todos os que participastes tedes dous novos bibliopuntos que se suman na vosa conta. Á volta das vacacións de entroido poderedes consultar no taboleiro da biblioteca a listaxe actualizada de bibliopuntos.

30.1.08

Palabras para a paz

Con motivo da celebración do Día da Paz, temos esta semana no punto de lectura unha exposición de libros da biblioteca relacionados con este tema. Tamén o xogo de preguntas que tedes no taboleiro da biblioteca ten que ver con diferentes galardoados co premio Nóbel da paz: até o xoves no recreo podedes participar e, ademais de gañar dous bibliopuntos, entraredes no sorteo de 4 exemplares dos libros propostos para o club de lectura do próximo 13 de febreiro.

Como mostra destas palabras para a paz que vos ofrecemos desde a biblioteca, deixámosvos aquí o poema de Xosé Mª Álvarez Blázquez que esta semana podedes atopar no noso recanto da poesía:

Non é certo que os nenos teñan fame.
Non pode ser.
Ben o sabedes todos
os que andades no mundo atafegados
á percura do pan dos vosos fillos.
Ises outros que vedes pola rúa
pedindo esmola,
non teñen fame, non, porque daquela
vos teríades morto de vergonza.
E ben vos vexo andar nos vosos
coches ou nos tranvías, a berrar de cousas
estranas: -¡viva, beba, baba, buba!-
sen reparar naquil esfarrapado
que coa moura mauciña está petando
na porta de ferro.
Por iso penso que non é verdade
o que algún caviloso di dos nenos
que andan así petando pola vida.
-¡Non, home, non!- lle dixen a un
de aqueles.
-A xente pasa leda... ¡Fora boa
que andivesen a rirse dos seus crimes!

Xosé María Álvarez Blázquez (1915-1985)


Recomendámosvos visitar os outros blogs das bibliotecas escolares galegas onde poderedes atopar diferentes textos e materiais audiovisuais que sen dúbida contribuirán á necesaria reflexión arredor deste tema.

18.1.08

Nova sesión do club de lectura

Acabamos de convocar unha nova sesión do club de lectura. Será o 13 de febreiro de 2008, ás 18:00h, na biblioteca. Nesta ocasión propoñemos catro libros de ficción científica de Ramón Caride Ogando, que estará connosco o día 13: Perigo vexetal, Ameaza na Antártida, O futuro roubado e A negrura do mar. Tedes máis información na sección de biblioteca do noso sitio web.

Na próxima semana a biblioteca convocará un xogo de preguntas que vos permitirá entrar no sorteo de catro exemplares das obras propostas e conseguir os primeiros bibliopuntos do 2008. Tamén podedes ir deixando xa os vosos comentarios no club de lectura virtual.

20.12.07

Os bibliopuntos do 1º trimestre

Logo das propostas de xogos e concursos que fomos facendo ao longo do 1º trimestre, aquí vos deixamos a cabeceira da clasificación provisional que deixou a suma de bibliopuntos até agora. A listaxe completa tédela no taboleiro da biblioteca. Logo das vacacións do Nadal haberá novas propostas para seguir sumando...

Erea Fabeiro Rey (2ºBACH-A): 11 bibliopuntos
Sabela Vilar Estévez (1ºESO-A): 11 bibliopuntos
Ángela García Abalde (2ºBACH-A): 7 bibliopuntos
Jénnifer Simoes Carvajal (2ºBACH-B): 6 bibliopuntos
Cristina Alonso Fernández (2ºBACH-B): 5 bibliopuntos
Teresa Méndez Martínez (4ºESO-A): 4 bibliopuntos
Carlos Muñoz Argibay (1ºBACH-A): 4 bibliopuntos
Marta Pereira Conde (1ºESO-B): 4 bibliopuntos
Stefanie Nicole Audifred Costas (2ºBACH-A): 3 bibliopuntos
Natán Palma de Castro (2ºESO-C): 3 bibliopuntos
Eva Parada Antón (3ºESO-A): 3 bibliopuntos

10.12.07

Día Internacional dos Dereitos Humanos

Hoxe é o Día Internacional dos Dereitos Humanos. Desde a semana pasada temos no instituto dúas exposicións de traballos do alumnado que nos convidan a reflexionar sobre o significado desta data e a cantidade de persoas que viven no mundo en situacións nas que non se garanten os principios establecidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Con ese mesmo obxectivo de ofrecer información e favorecer a reflexión crítica, a vicedirección programou para esta semana unha serie de actividades que podedes consultar no sitio web do instituto.

Desde a biblioteca, ademais da convocatoria do club de lectura, quixemos contribuír a esa reflexión co poema do noso recanto da poesía:

Non vexo o ceo
nin vexo o mar.
Sinto que a néboa
está a medrar.
Vexo fusís.
Oio disparos.
Vexo uns rapaces.
Nenos soldados.
Vexo os seus ollos.
Son de metal.
Dor nas facianas.
Anxos do mal.
Nenos da fame.
Nenos raptados.
Nenos sen lazos.
Nenos forzados.
Seres feridos.
Nenos roubados.
Vítimas frías.
Nenos soldados.
Que alguén te salve,
neno da guerra!
Eu teño tanto...
Ti tes miseria!

Antonio García Teijeiro, Petando nas portas de Dylan

Convidámosvos tamén a botarlle unha ollada aos materiais elaborados de xeito conxunto por algunhas das bibliotecas escolares galegas, aos que podedes acceder desde os seus blogs.

28.11.07

Nova sesión do club de lectura

O Club de Lectura Auga da Laxe acaba de convocar a súa primeira sesión deste curso. Será o 19 de decembro, ás 18:00h, na nosa biblioteca. O libro proposto é Cartas de amor, de Fran Alonso, un conxunto de relatos con forma de cartas que nos permiten coñecer as situacións vitais difíciles que lles tocou vivir ás mulleres que os protagonizan. Esta actividade da biblioteca intégrase dentro do programa de actos que a vicedirección do instituto preparou con motivo do Día Internacional dos Dereitos Humanos.

Convidámosvos a ler o libro e a asistir á sesión de tertulia do día 19, na que contaremos coa presenza do autor, e tamén a que nos deixedes os vosos comentarios no club de lectura virtual, ao que podedes acceder desde a portada que atoparedes na marxe dereita do blog.

19.11.07

Anxo Fariña na nosa biblioteca

Anxo Fariña visitou hoxe a nosa biblioteca para manter un encontro co alumnado de 1ºESO, que desde hai un mes traballa co seu libro Os megatoxos e o aprendiz de druída. Contounos moitas cousas da súa obra como ilustrador e como autor, dos seus personaxes -moi especialmente dos Pelelliños e dos Megatoxos-, das súas teimas ao debuxar. Explicounos como naceron os Megatoxos, converteu a Enrique nun futuro personaxe da serie, asinou libros e carteis e deixouse fotografar coas máscaras dos Megatoxos que fixeron os nosos alumnos e alumnas nas clases de Eduación Plástica coa súa profesora, Liliana. Grazas, Anxo, pola túa visita e pola túa simpatía.








7.11.07

O alumnado de PIN visita o blog

Este curso temos en 1ºESO unha materia nova: Proxecto Interdisciplinar (PIN). Ten como obxectivo fundamental o adestramento do alumnado na busca de información e na elaboración de proxectos de investigación de carácter interdisciplinar nos que demostren a súa competencia para comprender, elaborar e presentar esa información. No noso instituto esta materia impártese na biblioteca e, logo de varias semanas aprendendo a coñecer mellor os recursos que ofrece e a súa organización, imos comezar agora o adestramento na busca de información na rede. Estes días, o alumnado de PIN está a visitar o blog da biblioteca. Benvidos!

4.11.07

Os Megatoxos andan pola biblioteca....

Desde que chegaron á biblioteca hai xa tres semanas, os Megatoxos non paran de moverse. Van de man en man e de casa en casa achegándolles aos nosos alumnos de 1ºESO as súas aventuras na procura dun toxo mutante, un camiño que os levará a enfrontarse ao terrible e poderoso Drunxel. Esta pasada semana Ruxe, Faísca, Ninfa e Lúa foron protagonistas tamén dun xogo de busca de información na biblioteca que resolveron con grande habilidade os alumnos de 1ºESO na materia Proxecto Interdisciplinar. A próxima semana, un xogo aberto a todo o alumnado levará tres exemplares de Os megatoxos e o aprendiz de druída ás mans dalgúns dos que se animen a participar. Pero o día grande dos Megatoxos na nosa biblioteca será o luns, 19 de novembro, cando Anxo Fariña, autor da novela e creador dos personaxes, nos visite para contarnos como naceron os Megatoxos. Ven á biblioteca a buscar o teu exemplar de Os Megatoxos e o aprendiz de druída e déixanos logo a túa opinión do libro no noso club de lectura virtual.