Mostrando entradas con la etiqueta Agustín Fernández Paz. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Agustín Fernández Paz. Mostrar todas las entradas

28.7.11

Homenaxe a Agustín Fernández Paz

Desde a Biblioteca Agustín Fernández Paz, do IES Auga da Laxe, deixámosvos aquí este vídeo co que lle queremos facer unha pequena homenaxe á obra do escritor que lle dá nome á nosa biblioteca. En febreiro de 2010 convocamos no instituto o concurso Memoria de elefante. Durante máis de un mes os títulos das obras de Agustín estiveron colgados do patio interior nuns carteis realizados polo alumnado de 1º, 3º e 4º de ESO, grazas á colaboración do profesorado do departamento de Ed. Plástica, e propuxémoslle ao alumnado un reto: que os memorizase por orde de publicación e os recitase logo nun acto final. As gañadoras daquel xogo foron María Pena, Marta Fernández e Sandra Salgueiro, que demostraron unha capacidade memorística impresionante ao recitar cos ollos pechados os 44 títulos que naquel momento formaban a obra literaria de Agustín Fernández Paz. Daquel xogo naceu este vídeo que esperamos que vos guste.

9.4.10

Tres memorias de elefante



María Pena (3ºESO-B), Marta Fernández (4ºESO-B) e Sandra Salgueiro (4ºESO-B) foron as gañadoras do xogo Memoria de elefante co que a biblioteca pechou o 2º trimestre. Estas tres alumnas foron quen de recitar de memoria e por orde os 45 títulos das obras de Agustín Fernández Paz que durante máis de un mes estiveron colgados no patio do instituto. Desde a biblioteca, os nosos parabéns!

15.3.10

Homenaxe a Agustín Fernández Paz



Este pasado 13 de marzo asistimos en Pontevedra ao acto que o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra organizou para render homenaxe a Agustín Fernández Paz. O encargado de facer a loanza de Agustín foi o tamén escritor Xavier P. DoCampo, quen, a través dun emotivo discurso escrito en forma de abecedario, foi facendo unha relación moi persoal daquelas palabras que mellor definen a Agustín e a súa obra. Foron palabras e reflexións fermosas, escritas desde a amizade que os une e as moitas experiencias que levan compartido ao longo dos anos.

Tamén na intervención de Agustín houbo espazo para o agradecemento e para a amizade, para as súas lecturas e para os seus lectores e lectoras, para todos os que traballan a prol do libro e a lectura, para as súas obras e para todos aqueles aos que, como lector, tanto lles debe.

Logo dunha intervención da Concelleira de Cultura de Pontevedra, Lola Dopico, pechouse o acto cunha actuación musical da que foron protagonistas Mini e Mero, cunha selección de temas entre os que se puido escoitar o histórico "Irmaus", baseado nun poema de Celso Emilio Ferreiro que aparece citado ao comezo de Valados, o último libro de Agustín Fernández Paz.

Pechaba así esta fin de semana as súas portas a 11ª edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que acolleu tamén unha exposición sobre a figura e a obra do escritor homenaxeado. Desde a biblioteca do IES Auga da Laxe enviámoslle os nosos parabéns a Agustín por esta fermosa e merecida homenaxe.

4.3.10

Sesión do club de lectura


Este pasado luns 1 de marzo celebramos a sesión trimestral do club de lectura do instituto. O libro escollido nesta ocasión foi Valados, de Agustín Fernández Paz. No blog do club de lectura tedes máis fotos e información sobre esta sesión.

26.2.10

MEMORIA DE ELEFANTE



A biblioteca acaba de convocar o xogo do 2º trimestre: Memoria de elefante. Coa colaboración do profesorado de Plástica, Dorinda e Paco, e do alumnado de 1º, 3º e 4ºESO, puxemos dando dúas voltas ao patio interior do instituto uns rótulos cos títulos de todas as obras de Agustín Fernández Paz. O xogo proponlle ao alumnado que queira participar que memoricen todos os títulos: gañará o que consiga dicir por orde e cos ollos tapados o maior número posible de títulos, todos se é posible. Teñen até o 23 de marzo para memorizalos e anotarse. Os días 24 e 25 faremos o concurso nos recreos.



8.2.10

Próxima sesión do club de lectura

O próximo 1 de marzo, luns, teremos a sesión trimestral do club de lectura que organiza a biblioteca. O libro proposto nesta ocasión será Valados, de Agustín Fernández Paz, un libro que fala dos valados visibles e invisibles que separan e enfrontan as persoas por diferentes razóns e da necesidade derrubalos. Como fixemos no trimestre anterior, a sesión comezará ás 15:00h e rematará ás 17:00h. Primeiro xantaremos todos xuntos na cafetería do instituto e logo iremos á biblioteca para conversar sobre a lectura e ver un pequeno documental sobre valados no mundo.

Esta proposta de club de lectura arredor de Valados serve tamén como punto de partida para un proxecto de investigación interdisciplinar que a biblioteca lles acaba de propoñer a todos os departamentos didácticos. Baixo o lema xeral Derrubando valados, propuxémoslle a todo o profesorado que queira sumarse que desenvolva até final de curso algunha actividade relacionada tanto cos valados visibles como cos invisibles. No Departamento de Xeografía e Historia están xa comezando a traballar este tema en 3ºESO e agardamos que nas próximas semanas se vaian sumando outros departamentos.

Aquí podedes ver algunhas imaxes da sesión do trimestre pasado, centrada no libro Barro de Medellín, de Alfredo Gómez Cerdá. Nos próximos días, iremos deixando máis información no blog do club de lectura.


18.12.09

QUE? QUEN? CANDO? COMO? CANTO? ONDE? - 5

Hoxe entregámoslles aos grupos que están a participar no xogo a última quenda de preguntas.

Tema: Agustín Fernández Paz.

QUE número de teléfono figura no anuncio que aparece ao comezo do sexto conto do libro Contos por palabras?

QUEN é o tradutor ao catalán da novela Noite de voraces sombras?

CANDO gañou Agustín Fernández Paz o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil?

ONDE vive a nena protagonista da novela As flores radioactivas?

CANTOS anos cumpre Branca?

COMO se titula en éuscaro a novela Cos pés no aire?

Logo de corrixir as respostas á quenda de preguntas de matemáticas de onte, a puntuación queda do seguinte xeito:

- Equipo Os de Mañufe: 13 puntos (6+4+0+3)
- Equipo Ghalisia d'Sar: 19 puntos (5+4+6+4)
- Equipo Made in China: 22 puntos (6+4+6+6)
- Equipo Los Yogures: 14 puntos (1+5+5+3)

O próximo luns, logo de sumar os puntos correspondentes á quenda de preguntas entregada hoxe, saberemos quen é o equipo gañador.

1.10.09

Comezou a hora de ler

Comezou o curso e a biblioteca do instituto vai botando a andar tamén as súas actividades. Hoxe comezou a hora de ler, unha iniciativa que cada semana nos permitirá dedicar unha sesión do horario á lectura individual e silenciosa. Tamén manteremos a proposta de abrir a biblioteca tres tardes non lectivas (martes, mércores e xoves). Agora estamos incorporando o alumnado novo ao programa de xestión para que poida comezar a utilizar xa o servizo de préstamo dos fondos, nos que ocupa un lugar moi especial a obra de Agustín Fernández Paz. A nosa benvida neste novo curso.

18.6.09

Boas vacacións e boas lecturas!

A biblioteca entregou xa os útlimos premios aos alumnos e alumnas que conseguiron máis bibliopuntos ao longo do curso (Sabela Vilar, Federico Villar, Enrique Crespo, Lucía Aguiar e María Pena) e está estes días facendo os últimos préstamos de lotes de libros para as vacacións. Marchamos, pero queremos facelo deixándovos unha recomendación de lectura dun libro que acaba de entrar na nosa biblioteca: Lúa do Senegal, de Agustín Fernández Paz, unha novela que nos achega á historia de Khoedi, un nena que ten que deixar a súa casa do Senegal para vir a instalarse en Vigo.

Deixámosvos tamén unha ligazón cunha páxina de xogos que preparou o noso alumnado de 1ºBach coa súa profesora de Tecnoloxía, Elena Fernández, a partir de diferentes libros de Agustín Fernández Paz. Agradecéndolles este fantástico traballo, desexámosvos unhas boas vacacións cheas de boas lecturas.


23.4.09

Un día moi especial (2ª parte)

Aquí vos deixamos unha morea de fotos dos actos celebrados o pasado día 31 de marzo, cando recibimos a visita de Agustín Fernández Paz para poñerlle o seu nome á nosa biblioteca. Inclúense imaxes do traballo feito previamente co alumnado, da exposición que se montou no patio central, do encontro que mantivo Agustín cos grupos de 4ºESO e, finalmente, do acto que celebramos á tarde con lectura dos seus textos, actuación do alumnado de música de 2º de bacharelato e descubrimento dun panel e unha placa co seu nome á entrada da biblioteca.


3.4.09

Un día moi especial


Desde o pasado martes, 31 de marzo, a nosa biblioteca xa se chama Biblioteca Agustín Fernández Paz. Nunha xornada moi especial, na que contamos coa presenza do escritor, descubrimos un panel sobre a súa obra e unha placa co seu nome que queren deixar constancia da nosa pequena homenaxe. Houbo un encontro co alumnado, houbo lecturas, houbo música e, sobre todo, houbo moitas caras amigas, moito cariño e moita emoción. Ao noso redor, o recanto da poesía, unha exposición, as portadas dos seus libros, os comezos das súas novelas convidando a seguir lendo... Sobre as nosas cabezas, os rótulos cos nomes dos personaxes das súas obras, realizados polo alumnado de 3ºESO e 1ºBACH, vixiando as palabras coas que quixemos falar de recoñecemento, de gratitude e de cariño. Aquí deixamos algunhas fotos e prometemos, para despois das vacacións, unha crónica máis ampla. Grazas, Agustín, e grazas tamén a todos os que nos quixestes acompañar neste día tan especial.


19.3.09

Que liches ti de Agustín Fernández Paz?


Achégase o 31 de marzo, día no que imos recibir a Agustín Fernández Paz no instituto para descubrir a placa que fará efectiva a nosa decisión de poñerlle o seu nome á biblioteca. Mentres, convidamos o noso alumnado a que nos comente no taboleiro da biblioteca os libros seus que xa leron. Agora queremos tamén abrir aquí este espazo para convidar a todas as persoas que o desexen a recomendarnos ou comentar os libros que leron de Agustín. Así que xa sabedes cal é a pregunta: que liches ti de Agustín Fernández Paz?

18.2.09

Biblioteca Agustín Fernández Paz

O Equipo de Biblioteca do IES Auga da Laxe acordou poñerlle á biblioteca do instituto o nome do escritor Agustín Fernández Paz. Ao longo deste 2º trimestre imos desenvolver unha serie de actividades que teñen como obxectivo divulgar esta nova entre toda a comunidade educativa, dar a coñecer a obra do escritor e convidar a participar no acto de colocación dunha placa co seu nome que se celebrará o día 31 de marzo de 2009 coa súa presenza.

Agustín Fernández Paz é un dos autores máis lidos entre o noso alumnado. Visitou o instituto en catro ocasións para participar en diferentes actividades, co alumnado e coas familias. Un dos seus relatos, “Un río de palabras”, inspirou unha campaña de dinamización desenvolvida desde o IES Auga da Laxe no ano 2005. Participou, ademais, nunha charla dirixida ás nais e pais na que lles falou da importancia da familia na creación e mantemento de hábitos lectores e na que naceu a idea de organizar no instituto un club de lectura. E foi tamén un libro seu –Noite de voraces sombras– o que protagonizou a primeira sesión do club de lectura do noso instituto no mes de marzo de 2006. Por todos estes motivos, e polo seu compromiso coa literatura e co fomento da lectura, é para nós unha honra que a nosa biblioteca leve o seu nome.

Acabamos de mercar aqueles títulos da súa obra que non estaban na biblioteca e estamos preparando algúns materiais que axudarán a achegar a súa produción literaria ao alumnado e ao profesorado do instituto. O día 25 de marzo, mércores, celebraremos a sesión trimestral do club de lectura, que xirará arredor da obra O único que queda é o amor, galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008. Na biblioteca temos exemplares desta e doutras obras do autor a disposición de todos aqueles que queirades aproveitar a ocasión da súa próxima visita para achegarvos aos seus libros.

26.10.08

Parabéns para Agustín Fernández Paz

Desde a biblioteca do IES Auga da Laxe queremos sumarnos á chuvia de parabéns que estes días recibe Agustín Fernández Paz, quen acaba de ser distinguido co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil-2008 polo seu libro O único que queda é o amor, unha obra que está ao voso dispor na nosa biblioteca e que recomendabamos no último boletín Líber do curso pasado.

Agustín Fernández Paz é un referente para as actividades da nosa biblioteca desde hai anos. Precisamente "Un río de palabras", un dos relatos que se inclúen no libro, deu lugar en maio de 2005, cando aínda estaba inédito, a un interesante traballo e a unha orixinal campaña de fomento da lectura polas rúas de Gondomar, desenvolvida polo alumnado de 4ºESO do noso instituto. Tamén Agustín Fernández Paz, nunha charla para as nais e pais do noso alumnado, puxo a semente da que nacería despois o noso club de lectura, que el mesmo inaugurou nunha sesión na que charlamos sobre o seu libro Noite de voces sombras. E tamén estivo presente Agustín na festa de fin de curso do ano pasado, nunha actividade promovida pola nosa biblioteca en colaboración cos departamentos de Lingua Galega e Educación Plástica: unha pequena peza de títeres representada polo alumnado de 1ºESO cun texto no que algúns dos protagonistas de diferentes obras de Agustín baixaron da biblioteca para conversar sobre os temas e os referentes que están presentes nos seus libros.

Pola amabilidade coa que sempre atende as nosas peticións, pola súa proximidade, acabou converténdose nun amigo da nosa biblioteca, o que fai que este premio nos alegre dun xeito especial. E para celebralo, esta semana o noso recanto da poesía acolle un fragmento do relato "Un radiante silencio", incluído en O único que queda é o amor. Deixámosvolo tamén aquí:


"Unha mañá, cando se dirixiu á sección de poesía, como sempre adoitaba facer despois de tomar o café, reparou en algo que lle chamou a atención. Alí, sobresaíndo encaixada entre dous libros, había unha pequena cartolina de cor azul que destacaba de xeito rechamante. Colleuna, intrigada. Era unha tarxeta alongada que tiña por unha das súas caras uns poucos versos escritos a man:

Tu cuerpo puede
llenar mi vida,
como puede tu risa
volar el muro opaco
de la tristeza.

Una sola palabra tuya quiebra
la ciega soledad en mil pedazos.

A lectura daqueles versos deixouna paralizada pola emoción, poucas veces se atopara cunha carga tan intensa nunhas poucas palabras, unha carga concentrada nelas como din que está a materia no núcleo dalgunhas estrelas. Releunos unha e outra vez, conmocionada, mentres miraba a un lado e a outro para comprobar se alguén se decatara do seu azoramento. Mais ninguén parecía reparar nela, nin na tarxeta que sostiña tremente entre as súas mans".


Agustín Fernández Paz, "Un radiante silencio", en O único que queda é o amor (2007)

Máis información sobre o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil a Agustín Fernández Paz, no blog de Edicións Xerais.