28.7.11
Homenaxe a Agustín Fernández Paz
8.12.10
Homenaxe a Mario Vargas Llosa
No Punto de Lectura que a biblioteca ten na planta baixa do instituto temos esta semana unha pequena selección de fragmentos das novelas máis significativas do escritor peruano e, ao seu lado, breves biografías acompañadas de textos dos dez autores, españois e latinoamericanos, que o antecederon.
“Seríamos peores de lo que somos sin los buenos libros que leímos, más conformistas, menos inquietos e insumisos y el espíritu crítico, motor del progreso, ni siquiera existiría. Igual que escribir, leer es protestar contra las insuficiencias de la vida. Quien busca en la ficción lo que no tiene, dice, sin necesidad de decirlo, ni siquiera saberlo, que la vida tal como es no nos basta para colmar nuestra sed de absoluto, fundamento de la condición humana, y que debería ser mejor. Inventamos las ficciones para poder vivir de alguna manera las muchas vidas que quisiéramos tener cuando apenas disponemos de una sola”.
28.10.10
Nós tamén navegar...
Baixo a sombra dos recortes de profesorado e da redución de horas, o proxecto de actividades da nosa biblioteca comezou a navegar neste inicio de curso. Chegaron as novidades máis fresquiñas aos nosos andeis, comezou a hora de ler, abriu de novo o recanto da poesía e celebramos esta semana o Día das Bibliotecas coas visitas á biblioteca do alumnado de 1ºESO. Tivemos tamén unha xuntanza inicial de presentación do club de lectura, que celebrará a súa primeira sesión presencial o luns 20 de decembro.Deixámosvos aquí o cartel de Marina Seoane co que Asesoría de Bibliotecas Escolares nos agasalla neste comezo de curso para lembrar que a biblioteca escolar ofrece un mundo de posibilidades. Tamén desde a asesoría presentan, como é habitual nestas datas, os III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia, onde estaremos os días 29 e 30 de outubro.
O barco comeza a andar amodiño, á espera de ventos máis favorables. Que teñamos unha boa travesía!
23.4.09
Un día moi especial (2ª parte)
3.4.09
Un día moi especial
Desde o pasado martes, 31 de marzo, a nosa biblioteca xa se chama Biblioteca Agustín Fernández Paz. Nunha xornada moi especial, na que contamos coa presenza do escritor, descubrimos un panel sobre a súa obra e unha placa co seu nome que queren deixar constancia da nosa pequena homenaxe. Houbo un encontro co alumnado, houbo lecturas, houbo música e, sobre todo, houbo moitas caras amigas, moito cariño e moita emoción. Ao noso redor, o recanto da poesía, unha exposición, as portadas dos seus libros, os comezos das súas novelas convidando a seguir lendo... Sobre as nosas cabezas, os rótulos cos nomes dos personaxes das súas obras, realizados polo alumnado de 3ºESO e 1ºBACH, vixiando as palabras coas que quixemos falar de recoñecemento, de gratitude e de cariño. Aquí deixamos algunhas fotos e prometemos, para despois das vacacións, unha crónica máis ampla. Grazas, Agustín, e grazas tamén a todos os que nos quixestes acompañar neste día tan especial.
19.3.09
Que liches ti de Agustín Fernández Paz?

Achégase o 31 de marzo, día no que imos recibir a Agustín Fernández Paz no instituto para descubrir a placa que fará efectiva a nosa decisión de poñerlle o seu nome á biblioteca. Mentres, convidamos o noso alumnado a que nos comente no taboleiro da biblioteca os libros seus que xa leron. Agora queremos tamén abrir aquí este espazo para convidar a todas as persoas que o desexen a recomendarnos ou comentar os libros que leron de Agustín. Así que xa sabedes cal é a pregunta: que liches ti de Agustín Fernández Paz?
18.2.09
Biblioteca Agustín Fernández Paz
O Equipo de Biblioteca do IES Auga da Laxe acordou poñerlle á biblioteca do instituto o nome do escritor Agustín Fernández Paz. Ao longo deste 2º trimestre imos desenvolver unha serie de actividades que teñen como obxectivo divulgar esta nova entre toda a comunidade educativa, dar a coñecer a obra do escritor e convidar a participar no acto de colocación dunha placa co seu nome que se celebrará o día 31 de marzo de 2009 coa súa presenza.Agustín Fernández Paz é un dos autores máis lidos entre o noso alumnado. Visitou o instituto en catro ocasións para participar en diferentes actividades, co alumnado e coas familias. Un dos seus relatos, “Un río de palabras”, inspirou unha campaña de dinamización desenvolvida desde o IES Auga da Laxe no ano 2005. Participou, ademais, nunha charla dirixida ás nais e pais na que lles falou da importancia da familia na creación e mantemento de hábitos lectores e na que naceu a idea de organizar no instituto un club de lectura. E foi tamén un libro seu –Noite de voraces sombras– o que protagonizou a primeira sesión do club de lectura do noso instituto no mes de marzo de 2006. Por todos estes motivos, e polo seu compromiso coa literatura e co fomento da lectura, é para nós unha honra que a nosa biblioteca leve o seu nome.
Acabamos de mercar aqueles títulos da súa obra que non estaban na biblioteca e estamos preparando algúns materiais que axudarán a achegar a súa produción literaria ao alumnado e ao profesorado do instituto. O día 25 de marzo, mércores, celebraremos a sesión trimestral do club de lectura, que xirará arredor da obra O único que queda é o amor, galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2008. Na biblioteca temos exemplares desta e doutras obras do autor a disposición de todos aqueles que queirades aproveitar a ocasión da súa próxima visita para achegarvos aos seus libros.
20.11.08
LEO POEMAS
LEO POEMAS
Leo poemas al azar,
leo casi sin pensar en lo que leo.
Cuando me encuentro un verso triste,
siento en el alma como una caricia.
No es que me alivie la tristeza ajena;
es que me siento menos solo.
Ángel González, Nada grave
Bagdad
A paz abafa
calada nas casas
da gran Bagdad.
mañás calmas
bañadas na paz.
balas calza
a arma fatal.
palabras mancadas
tras as armas vas.
a paz,
palabra cabal.
a paz da nácara,
prata, ámbar, ananás
...
A PAZ
Elvira Riveiro Tobío, Palabras brancas (2008)
Esta é unha pequena mostra das moitas novidades que están a entrar estes días na biblioteca.
22.10.08
Día da Biblioteca
O 24 de outubro celébrase o Día Internacional da Biblioteca. No IES Auga da Laxe imos aproveitar esta data para organizar, como en anos anteriores, un programa de visitas á biblioteca do instituto para o alumnado novo (1ºESO e 1ºBACH). O obxectivo é informalos sobre os servizos, recursos e funcionamento da biblioteca e, no caso de 1ºESO, realizar ademais algún xogo de busca de información. Queremos así presentarlle a nosa biblioteca ao alumnado para que sexa para eles un referente, o servidor central que debuxa Manuel Lariño neste cartel da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Eduación, esa luz da que nos fala Agustín Fernández Paz no manifesto co que a Consellería de Cultura celebra esta data.Agustín Fernández Paz
ABRE AS PORTAS e entra. Entra neste espazo que agarda por ti, neste ámbito onde cada palabra é un don que recibimos como agasallo. Percorre todos os recantos desta casa da liberdade, respira este aire que non sabe de fronteiras, déixate levar polo río de recendos que anuncia os tesouros da biblioteca.
Estamos nun lugar especial, sería imposible confundilo. Desde o ceo debe de verse como un punto de luz brillando coa intensidade maior, como un aleph que contén a memoria e os soños da humanidade. Unha luz, si. Unha luz que escintila coma un faro entre as tebras, co rítmico latexar dun corazón inmenso que expande ondas de liberdade e de esperanza polo territorio que a circunda.
Quizais poderiamos seguir vivindo se nos faltase este aire que fai vibrar todas as células do noso corpo, se cadra as persoas continuariamos coa nosa existencia rutineira se non existise a biblioteca, mais algún lugar decisivo ficaría baleiro no noso corazón.
Faltaríanos a enerxía que nos fai desexar unha vida mellor, unha cidadanía máis libre, unha sociedade máis xusta. Doeríanos non escoitar a voz das persoas que sufriron a historia e a das que a sofren agora mesmo; sería insoportable oír só as palabras dos que tentan dirixir e controlar as nosas vidas.
Para que isto non suceda, abre as portas e entra. Ábreas sempre, todas as portas, pois cada vez que o fas incorpóraste ao río subterráneo que alimenta a biblioteca, ao torrente de liberdade que a fai vivir e lle dá azos renovados.
ABRE OS LIBROS e mergúllate na auga da vida que abrolla irreprimible desde as súas páxinas. Déixate arrastrar pola fervenza de voces, de linguas, de recendos, de paisaxes. Non esquezas nunca o abraio que experimentamos nos anos da infancia, cando se nos revela a dimensión máxica que teñen as palabras e descubrimos que as páxinas dos libros poden conter o mundo enteiro.
Como as labregas que se afanan na rebusca de espigas entre os regos despois da ceifa, tamén os escritores recollen as palabras unha a unha e elaboran con elas o humilde pan dos seus textos. Deste xeito fan que cheguen ata nós, sempre novas e sempre sorprendentes, pois os libros posúen a insólita capacidade de revivir e reinventarse en cada nova lectura.
Todas as persoas necesitamos as historias, os soños, as palabras, talvez sexa unha característica inscrita no ADN da humanidade. Necesitámolas coma o comer, como beber auga, xaora que si. Para entendermos o mundo e para entendernos a nós mesmos, para soñar outros destinos, para loar os dons que a vida nos dá. Sabemos que non poderiamos vivir sen o alento da imaxinación e da creatividade, sen as palabras que expresan a variedade e a beleza dos nosos desexos e dos nosos sentimentos.
Por todo iso, abramos os libros. Eles conteñen os soños, as paixóns, os medos, os amores, as risas. Nas súas paxinas habita a inmensa variedade de sentimentos e experiencias da humanidade, das persoas que viven agora en calquera lugar do mundo e das que desapareceron hai moitos anos. Os libros: ríos de palabras que se nos ofrecen con xenerosidade para axudarnos a aprender o oficio de vivir, para cambiarnos a vida e implicármonos na transformación do mundo.
ONDE HAI UNHA BIBLIOTECA HAI UNHA LUZ que traspasa todos os muros, unha luz que se fai máis intensa cando medran as persoas que a incorporan ás súas vidas. As mesmas persoas que logo, ao saíren por rúas e prazas, levarán canda elas o reflexo desa luz, a semente dese mundo novo que algún día faremos agromar. Un mundo máis solidario, máis plural, máis culto, máis xusto. Un mundo onde non se escoite a voz adormecedora dos poderosos, senón as palabras múltiples e diversas de todas as persoas que habitamos esta casa común que é o noso planeta.
8.10.08
Por fin abrimos a biblioteca
7.11.07
O alumnado de PIN visita o blog
23.10.07
Día Internacional das Bibliotecas
15.5.07
MARÍA MARIÑO VISITA A NOSA BIBLIOTECA
A biblioteca do instituto vaise converter os días 15 e 16 de maio no salón da casa de María Mariño para acoller cinco representacións do monólogo María Mariño, en primeira persoa, protagonizado por Rocío Rodríguez Salgueiro, quen se transformará na poeta á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. O monólogo, que fai un percorrido polos feitos máis destacados da vida e da obra de María Mariño, irá acompañado da lectura de varios poemas da autora. As representacións terán lugar na biblioteca co seguinte horario: Martes, 15
-
11,10h-12,00h: 1º BACH-A e 1º BACH-B
-
12,30h-13,20h: 4º ESO-A, 4º ESO-B e 1º ESO-A
-
13,20h-14,10h: 2º ESO-A e 2º ESO-B
Mércores, 16
-
12,30h-13:20h: 1ºESO-B e 1ºESO-C
-
13:20h-14:10h: 3º ESO-A e 3º ESO-B
12.5.07
ABRIL E MAIO, LETRAS PARA TODO O ANO

Estes días pódense atopar nalgúns establecementos comerciais de Gondomar os materiais da campaña Abril e maio, letras para todo o ano, promovida pola biblioteca do IES Auga da Laxe. Son uns expositores cunhas tarxetas dirixidas a todos os veciños e veciñas nas que os convidamos a ler un poema, ao tempo que reflexionamos sobre a importancia de que, máis alá do Día do Libro ou do Día das Letras Galegas, o hábito da lectura nos acompañe ao longo de todo o ano.
Os poemas que se ofrecen como un convite nas tarxetas pertencen a Olga Novo, Daniel Salgado, Antonio García Teijeiro, Lupe Gómez e María Mariño, autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. O texto que acompaña os poemas é o seguinte: "Nestes meses a primavera chega tamén á literatura. Arredor do Día do Libro e do Día das Letras Galegas chégannos numerosas propostas de lecturas e novidades editoriais, un agromar de letras que desde a Biblioteca do IES Auga da Laxe esperamos que dure todo o ano, para que calquera día sexa bo para achegarse a un libro. Por iso vos convidamos a ler unha selección de poemas cos que queremos desexarvos feliz primavera e boas lecturas."



