26.10.08

Parabéns para Agustín Fernández Paz

Desde a biblioteca do IES Auga da Laxe queremos sumarnos á chuvia de parabéns que estes días recibe Agustín Fernández Paz, quen acaba de ser distinguido co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil-2008 polo seu libro O único que queda é o amor, unha obra que está ao voso dispor na nosa biblioteca e que recomendabamos no último boletín Líber do curso pasado.

Agustín Fernández Paz é un referente para as actividades da nosa biblioteca desde hai anos. Precisamente "Un río de palabras", un dos relatos que se inclúen no libro, deu lugar en maio de 2005, cando aínda estaba inédito, a un interesante traballo e a unha orixinal campaña de fomento da lectura polas rúas de Gondomar, desenvolvida polo alumnado de 4ºESO do noso instituto. Tamén Agustín Fernández Paz, nunha charla para as nais e pais do noso alumnado, puxo a semente da que nacería despois o noso club de lectura, que el mesmo inaugurou nunha sesión na que charlamos sobre o seu libro Noite de voces sombras. E tamén estivo presente Agustín na festa de fin de curso do ano pasado, nunha actividade promovida pola nosa biblioteca en colaboración cos departamentos de Lingua Galega e Educación Plástica: unha pequena peza de títeres representada polo alumnado de 1ºESO cun texto no que algúns dos protagonistas de diferentes obras de Agustín baixaron da biblioteca para conversar sobre os temas e os referentes que están presentes nos seus libros.

Pola amabilidade coa que sempre atende as nosas peticións, pola súa proximidade, acabou converténdose nun amigo da nosa biblioteca, o que fai que este premio nos alegre dun xeito especial. E para celebralo, esta semana o noso recanto da poesía acolle un fragmento do relato "Un radiante silencio", incluído en O único que queda é o amor. Deixámosvolo tamén aquí:


"Unha mañá, cando se dirixiu á sección de poesía, como sempre adoitaba facer despois de tomar o café, reparou en algo que lle chamou a atención. Alí, sobresaíndo encaixada entre dous libros, había unha pequena cartolina de cor azul que destacaba de xeito rechamante. Colleuna, intrigada. Era unha tarxeta alongada que tiña por unha das súas caras uns poucos versos escritos a man:

Tu cuerpo puede
llenar mi vida,
como puede tu risa
volar el muro opaco
de la tristeza.

Una sola palabra tuya quiebra
la ciega soledad en mil pedazos.

A lectura daqueles versos deixouna paralizada pola emoción, poucas veces se atopara cunha carga tan intensa nunhas poucas palabras, unha carga concentrada nelas como din que está a materia no núcleo dalgunhas estrelas. Releunos unha e outra vez, conmocionada, mentres miraba a un lado e a outro para comprobar se alguén se decatara do seu azoramento. Mais ninguén parecía reparar nela, nin na tarxeta que sostiña tremente entre as súas mans".


Agustín Fernández Paz, "Un radiante silencio", en O único que queda é o amor (2007)

Máis información sobre o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil a Agustín Fernández Paz, no blog de Edicións Xerais.

No hay comentarios: