8.10.08

Por fin abrimos a biblioteca


Esta semana abrimos a biblioteca, cun considerable atraso e un certo pouso desencantado. Foi un comezo difícil. Como consecuencia dos recortes de profesorado e da redución de horas de atención á biblioteca, o Equipo de Biblioteca decidiu, nunha reunión celebrada o 18 de setembro, suspender todo o labor de dinamización por non poder atendelo e centrar as poucas horas que tiñamos en labores de catalogación e préstamo. Esta semana, logo de que nos enviasen unha nova profesora e se refixesen os horarios, abrimos cunha dedicación horaria digna, a que o traballo da biblioteca precisa, en beneficio de todos. Deste xeito poderemos seguir desenvolvendo o labor de dinamización que xa realizabamos en anos anteriores e abriremos a biblioteca tres tardes fóra do horario lectivo: os martes, mércores e xoves, de 17:00h a 19:00h.

Conseguimos finalmente as horas que precisabamos, pero perdemos polo camiño moitas enerxías e acabamos coa sensación de que, a pesar do esforzo por formarnos e por desenvolver actividades de dinamización máis alá dos nosos horarios, cada comezo de curso temos que enfrontarnos á incertidume de non saber se imos dispoñer dun mínimo de horas para continuar co noso traballo. Desde as bibliotecas escolares galegas, sobre todo desde a posta en marcha do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, estamos a desenvolver un traballo intenso e innovador que se converteu xa nun referente no resto do estado. Aínda así, na maioría dos casos as horas de biblioteca non son consideradas como lectivas, non hai unha dotación horaria mínima establecida e segue sen existir un recoñecemento oficial da figura do responsable da biblioteca escolar.

A pesar do desgaste que supuxo a tensión deste comezo de curso, retomamos o traballo coa ilusión e as ganas de sempre, conscientes da importancia que nos centros de ensino teñen as bibliotecas escolares e sabedores de que, como din algúns compañeiros doutras bibliotecas, estamos nunha carreira de fondo que pouco a pouco está a dar froitos. Aínda así, non podemos evitar traer aquí a pregunta que máis se repite nos foros e nas actividades de formación relacionadas co ámbito das bibliotecas escolares: para cando o recoñecemento oficial do noso traballo e das horas que se precisan para desenvolvelo?

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Suscribo todo o que decides no post, así andamos todos, sempre na corda frouxa, e co conseguinte desgaste dos anos, eu si creo que como non se tomen medidas, moitas das cousas iniciadas van o traste por esgotamento físico e psíquico do persoal.
Boa sorte na nova andaina e a ver o que duramos!!!!!!!

MESTURAS dijo...

Bicos Concha, realmente é descorazonador. Da medo pensar na fraxilidade de todo o construído durante tanto tempo. Apertas e sorte.

I. CAMACHO dijo...

Un saludo y mucho ánimo desde la biblioteca del IES "Barrio Loranca" de Fuenlabrada. Os seguimos desde siempre y ya os echábamos de menos. Verdaderamente, todos los que estamos en esto nos sentimos un poco identificados con lo que decís en este post. Es como si la cultura, en el fondo, no le interesara a nadie, exceptuando a cuatro chalados románticos. Para las altas instancias estos proyectos de biblioteca, planes de fomento de la lectura, etc., no son más que papel mojado.
Besiños e boa sorte.

I. CAMACHO dijo...

Queridos compañeros: con mucho gusto os enviamos nuestra dirección de correo: lengua_loranca@yahoo.es

Saludiños desde Fuenlabrada.