26.6.08

Até o próximo curso

Rematou o curso 2007/08 e, xunto co boletín de notas, o noso alumnado levou o número 37 do boletín informativo da biblioteca Líber, con información das últimas actividades e algunhas recomendacións de lecturas para o verán.

A biblioteca chegou case aos 1.600 préstamos (a cifra máis alta destes últimos anos) e acolleu moitas actividades de dinamización e de formación de usuarios. Destaca neste sentido o feito de que se impartise nela a nova materia Proxecto Interdisciplinar de 1ºESO, que lles permitiu aos alumnos e alumnas ter un maior coñecemento da biblioteca e realizar alí varios proxectos de investigación, que eles mesmos valoraron moi positivamente tanto nas enquisas de avaliación como no blog que abrimos para esta materia.

Outra das novidades deste curso foron os bibliopuntos que conseguiron os ususarios da biblioteca ao participaren nas actividades: xogos de busca, club de lectura, recomendacións de libros, blog, etc. Finalmente foron 45 os alumnos e alumnas que obtiveron bibliopuntos, unha listaxe encabezada por Sabela Vilar de 1ºESO-A (38 bibliopuntos), Enrique Crespo de 1ºESO-C (36 bibliopuntos), Ángela García de 2ºBACH-A (28 bibliopuntos), Erea Fabeiro de 2ºBACH-A (26 bibliopuntos) e Camila Álvarez de 1ºESO-C (24 bibliopuntos). Estes cinco alumnos gañaron cadanseu cheque de 30 euros para gastar nunha das librarías de Gondomar.

Os nosos parabéns para eles e tamén para os compañeiros e compañeiras que máis libros levaron da biblioteca: Inés de Jesús (1ºESO-C), Carlos Muñoz (1ºBACH-A), Teresa Méndez (4ºESO-A), Antonio G. Rodríguez (1ºESO-B) e Tomás Palamidessi (2ºBACH-B).

Aquí vos deixamos as nosas recomendacións de lectura para as vacacións do verán. Até o próximo curso.

● Agustín Fernández Paz, O único que queda é o amor, Xerais.

Nos relatos deste libro os personaxes namóranse e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro. E nesa experiencia os libros son compañeiros fundamentais.



● Carlos Ruiz Zafón, El juego del ángel, Planeta.

El juego del ángel é a segunda entrega dun ciclo de catro novelas interconectadas e ambientadas na Barcelona misteriosa e gótica que vai dende a era da revolución industrial até os anos posteriores á guerra civil española.


● Agustín Agra, Cazaría salvaxe, Xerais. Novela de terror e misterio.
● María Reimóndez, Lía e as zapatillas de deporte, Xerais.
● J.K.Rowling, Harry Potter e as reliquias da morte, Galaxia. Sétima e última entrega desta saga de maxia e aventuras.
● Iolanda Zúñiga, Vidas post-it, Xerais.
● Ángel González, Antología de poesía para jóvenes, Alfaguara.
● Ignacio Martínez de Pisón, Dientes de leche, Seix Barral.
● Eduardo Mendoza, El asombroso viaje de Pomponio Flato, Seix Barral.
● Linzi Glass, El final de la inocencia, Siruela.

No hay comentarios: