22.4.09

Día do Libro e Hora de ler

Mañá xoves, 23 de abril, Día do libro, o IES Auga da Laxe poñerá a andar a Hora de ler. Cada semana todo o alumnado e o profesorado dedicará unha sesión de clase a lectura individual e silenciosa, todos ao mesmo tempo, na ESO e en Bacharelato. A actividade, aprobada por unanimidade no último claustro como proposta da Biblioteca, continuará até o remate do curso, cada semana na hora seguinte á da semana anterior. Esta será este ano a nosa maneira de celebrar o Día do libro lendo, cunha proposta que se suma ás que estes días están a propoñer as bibliotecas escolares galegas. Agardamos que esta iniciativa, que xa se está desenvolvendo con éxito noutros centros de ensino galegos, contribúa a mellorar a competencia lectora do noso alumnado e a consolidar espazos e tempos para a lectura.
Ademais, o Departamento de Lingua Española ofrécenos tamén estes días un folleto que nos permite achegarnos á figura e á obra de Juan Marsé, galardoado este ano co Premio Cervantes, que lle será entregado mañá en Madrid. Poderedes atopalo no Punto de lectura da planta baixa, onde tamén poderedes ler unha selección de textos de diferentes autores sobre a lectura, que substitúen esta semana o noso habitual recanto da poesía.