Remataron os xogos de busca da biblioteca nestes últimos días de curso e, con eles, as actividades que preparamos no 3º trimestre arredor do mundo dos libros e as viaxes. Hai moitas cousas que mellorar para o próximo ano, pero queda a satisfacción do traballo realizado e os comentarios positivos do alumnado. Tamén nos queda o sabor doce da concesión dun premio da Consellería de Cultura polo programa de actividades que desenvolvemos nos meses de abril e maio: son 1.000 euros que han axudar a seguir mellorando os fondos da biblioteca.
E, por suposto, coma sempre, queda a poesía, esa compañeira que nos saudou semanalmente desde o seu recanto no punto de lectura do instituto. Con poesía e viaxes nos despedimos até o próximo curso: boas vacacións e felices lecturas!
CONTATRÁS
10...
Abrochade os pantalóns
se non,
que escándalo!
9...
agarrádevos aos asentos
se non,
que medo!
8...
despegade
voade
7...
deixade saír os ollos
que miren ben lonxe
6...
deixade que o nariz se mova
que sinta os arrecendos
que cheire
5...
deixade que a boca se abra
que se abraie
ieeeepaie
4...
despedídevos dos demais
dos que quedan cos pés na terra
dos que non saben que hai paxaros no aire
3...
despedídevos do que queda atrás
do que non voa
por máis que vos doa
2...
esquecede por un intre
que sodes persoas
1...
xoguemos a ser xigantes
así o mundo non será tan grande
0...
O
Mund
O
Paula Carballeira, Contatrás, Ed. Positivas, 2006
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario