30.1.08

Palabras para a paz

Con motivo da celebración do Día da Paz, temos esta semana no punto de lectura unha exposición de libros da biblioteca relacionados con este tema. Tamén o xogo de preguntas que tedes no taboleiro da biblioteca ten que ver con diferentes galardoados co premio Nóbel da paz: até o xoves no recreo podedes participar e, ademais de gañar dous bibliopuntos, entraredes no sorteo de 4 exemplares dos libros propostos para o club de lectura do próximo 13 de febreiro.

Como mostra destas palabras para a paz que vos ofrecemos desde a biblioteca, deixámosvos aquí o poema de Xosé Mª Álvarez Blázquez que esta semana podedes atopar no noso recanto da poesía:

Non é certo que os nenos teñan fame.
Non pode ser.
Ben o sabedes todos
os que andades no mundo atafegados
á percura do pan dos vosos fillos.
Ises outros que vedes pola rúa
pedindo esmola,
non teñen fame, non, porque daquela
vos teríades morto de vergonza.
E ben vos vexo andar nos vosos
coches ou nos tranvías, a berrar de cousas
estranas: -¡viva, beba, baba, buba!-
sen reparar naquil esfarrapado
que coa moura mauciña está petando
na porta de ferro.
Por iso penso que non é verdade
o que algún caviloso di dos nenos
que andan así petando pola vida.
-¡Non, home, non!- lle dixen a un
de aqueles.
-A xente pasa leda... ¡Fora boa
que andivesen a rirse dos seus crimes!

Xosé María Álvarez Blázquez (1915-1985)


Recomendámosvos visitar os outros blogs das bibliotecas escolares galegas onde poderedes atopar diferentes textos e materiais audiovisuais que sen dúbida contribuirán á necesaria reflexión arredor deste tema.

No hay comentarios: