10.12.07

Día Internacional dos Dereitos Humanos

Hoxe é o Día Internacional dos Dereitos Humanos. Desde a semana pasada temos no instituto dúas exposicións de traballos do alumnado que nos convidan a reflexionar sobre o significado desta data e a cantidade de persoas que viven no mundo en situacións nas que non se garanten os principios establecidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Con ese mesmo obxectivo de ofrecer información e favorecer a reflexión crítica, a vicedirección programou para esta semana unha serie de actividades que podedes consultar no sitio web do instituto.

Desde a biblioteca, ademais da convocatoria do club de lectura, quixemos contribuír a esa reflexión co poema do noso recanto da poesía:

Non vexo o ceo
nin vexo o mar.
Sinto que a néboa
está a medrar.
Vexo fusís.
Oio disparos.
Vexo uns rapaces.
Nenos soldados.
Vexo os seus ollos.
Son de metal.
Dor nas facianas.
Anxos do mal.
Nenos da fame.
Nenos raptados.
Nenos sen lazos.
Nenos forzados.
Seres feridos.
Nenos roubados.
Vítimas frías.
Nenos soldados.
Que alguén te salve,
neno da guerra!
Eu teño tanto...
Ti tes miseria!

Antonio García Teijeiro, Petando nas portas de Dylan

Convidámosvos tamén a botarlle unha ollada aos materiais elaborados de xeito conxunto por algunhas das bibliotecas escolares galegas, aos que podedes acceder desde os seus blogs.

No hay comentarios: