28.7.11
Homenaxe a Agustín Fernández Paz
2.6.11
A insoportable levedade das bibliotecas escolares galegas
Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:
Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan “roubar” horas a materias “importantes” para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.
Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós? En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?
Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)
26.5.11
Apadriñamento lector no CEIP Chano Piñeiro
Moitas grazas ao profesorado do CEIP Chano Piñeiro por acoller esta iniciativa e ao seu alumnado de Infantil e 1º de Primaria polo cariño con que nos recibiron e escoitaron e polos fermosísimos marcadores de lectura personalizados cos que agasallaron os seus padriños e madriñas lectores. Sen dúbida, unha actividade atractiva e enriquecedora que nos gustaría repetir.
31.3.11
Club de lectura con Palabras de Caramelo
O próximo luns, 4 de abril, teremos unha nova sesión do club de lectura Auga da Laxe. Nesta ocasión o libro proposto é Palabras de Caramelo, de Gonzalo Moure, unha novela que nos presenta a relación de amizade entre Kori, un neno saharauí xordomudo de oito anos, e un camelo. Unha historia de silencios e palabras, de conversas coas mans e co corazón, de amizade e de dor. Unha historia que nos levará ata Smara e que nos permitirá achegarnos á vida cotiá dos campamentos de refuxiados de Tinduf, onde vive o pobo saharauí, ese pobo que Gonzalo Moure visita con frecuencia nunha relación tamén de amizade, que o levou a participar en proxectos tan fermosos como o Bubisher. Alí, en Smara, é onde Kori vai á escola e devece por aprender a escribir. Deixámosvos aquí algunhas imaxes da sesión do trimestre pasado, cando nos xuntamos para falar de A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado.
22.3.11
Poesía fresca
9.12.10
A mansión dos Pampín, no club de lectura
A mansión dos Pampín, de Miguelanxo Prado, será a lectura proposta para a próxima sesión do club de lectura Auga da Laxe, que terá lugar o luns, 20 de decembro, de 15:00h a 17:00h. Nesta ocasión achegarémonos a un álbum de banda deseñada no que se fala de caos urbanístico e de feísmo arquitectónico en clave de humor, unha interesante proposta que formou parte do Proxectoterra, promovido polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.Na biblioteca tedes exemplares ao voso dispor. Tamén se pode ler aquí e mesmo pode verse en Vimeo unha versión dramatizada, realizada desde o IES Ferrolterra.
8.12.10
Homenaxe a Mario Vargas Llosa
No Punto de Lectura que a biblioteca ten na planta baixa do instituto temos esta semana unha pequena selección de fragmentos das novelas máis significativas do escritor peruano e, ao seu lado, breves biografías acompañadas de textos dos dez autores, españois e latinoamericanos, que o antecederon.
“Seríamos peores de lo que somos sin los buenos libros que leímos, más conformistas, menos inquietos e insumisos y el espíritu crítico, motor del progreso, ni siquiera existiría. Igual que escribir, leer es protestar contra las insuficiencias de la vida. Quien busca en la ficción lo que no tiene, dice, sin necesidad de decirlo, ni siquiera saberlo, que la vida tal como es no nos basta para colmar nuestra sed de absoluto, fundamento de la condición humana, y que debería ser mejor. Inventamos las ficciones para poder vivir de alguna manera las muchas vidas que quisiéramos tener cuando apenas disponemos de una sola”.
28.10.10
Nós tamén navegar...
Baixo a sombra dos recortes de profesorado e da redución de horas, o proxecto de actividades da nosa biblioteca comezou a navegar neste inicio de curso. Chegaron as novidades máis fresquiñas aos nosos andeis, comezou a hora de ler, abriu de novo o recanto da poesía e celebramos esta semana o Día das Bibliotecas coas visitas á biblioteca do alumnado de 1ºESO. Tivemos tamén unha xuntanza inicial de presentación do club de lectura, que celebrará a súa primeira sesión presencial o luns 20 de decembro.Deixámosvos aquí o cartel de Marina Seoane co que Asesoría de Bibliotecas Escolares nos agasalla neste comezo de curso para lembrar que a biblioteca escolar ofrece un mundo de posibilidades. Tamén desde a asesoría presentan, como é habitual nestas datas, os III Encontros de Bibliotecas Escolares de Galicia, onde estaremos os días 29 e 30 de outubro.
O barco comeza a andar amodiño, á espera de ventos máis favorables. Que teñamos unha boa travesía!
9.7.10
Excursión bibliotecaria a Porto
O 21 de xuño de 2010 realizamos co alumnado que participou no club de lectura e nas outras actividades de dinamización da biblioteca unha excursión á cidade do Porto co seguinte programa de actividades: visita guiada á Biblioteca Almeida Garrett, obradoiro Poesía e astronomía coa escritora e profesora Regina Gouveia e visita á Biblioteca Pública Municipal do Porto. Ademais, mentres o alumnado e unha parte do profesorado realizaba unha visita á cidade, a profesora coordinadora do proxecto da biblioteca mantivo un encontro con máis de 30 profesores e profesoras de diferentes centros de ensino da cidade de Porto e da comarca para presentar o proxecto de traballo da nosa biblioteca escolar.
Moitas grazas a Regina Gouveia polo obradoiro e moitas grazas ás responsables da biblioteca Almeida Garrett e da Biblioteca Municipal do Porto por recibirnos e presentarnos os espazos e os proxectos destas dúas bibliotecas. Un agradecemento moi especial á profesora Dna. Maria Joao pola súa axuda e entusiasmo na organización desta xornada. Foi un peche moi especial para as actividades da biblioteca neste curso que acaba de rematar, unha visita que nos permitiu achegarnos a outras realidades bibliotecarias e coñecer un pouco mellor o que se fai no ámbito da lectura e das bibliotecas en Portugal.
Boas vacacións e até setembro!
7.6.10
Despedida do club de lectura
26.5.10
Última sesión do club de lectura
O próximo luns 31 de maio, de 15:00h a 17:00h, teremos a última sesión do club de lectura Auga da Laxe. Nesta ocasión, dándolle continuidade ao proxecto Derrubando valados que iniciaramos no 2º trimestre, centrarémonos na existencia de valados invisibles dentro do propio instituto a través dun achegamento ao acoso entre iguais. Propuxemos a lectura de cinco relatos do libro 21 relatos contra el acoso escolar, de varios autores. Tedes máis informacón no blog do club de lectura. Con esta sesión rematan as actividades de dinamización da biblioteca para este curso. Queda unicamente a excursión final que teremos co alumnado que máis participou nas actividades e que sumou máis bibliopuntos ao longo do curso. Será o 21 de xuño.
10.5.10
Das pegadas a Novoneyra
As paredes de subida e baixada das escaleiras acolleron durante estas dúas últimas semanas as recomendacións que o profesorado e o alumnado nos fixeron chegar con motivo do Día do Libro. Puidemos así compartir cos demais eses libros que deixan pegada. Retirámolos para deixarlles paso ás pegadas poéticas de Uxío Novoneyra, o autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Como el foi do Courel a Compostela, imos nós das pegadas a Novoneyra.
21.4.10
Libros que deixan pegada
9.4.10
Tres memorias de elefante
María Pena (3ºESO-B), Marta Fernández (4ºESO-B) e Sandra Salgueiro (4ºESO-B) foron as gañadoras do xogo Memoria de elefante co que a biblioteca pechou o 2º trimestre. Estas tres alumnas foron quen de recitar de memoria e por orde os 45 títulos das obras de Agustín Fernández Paz que durante máis de un mes estiveron colgados no patio do instituto. Desde a biblioteca, os nosos parabéns!
22.3.10
Día da Poesía: visita de Carlos Negro
Para celebrar o Día Mundial da Poesía, a semana pasada recibimos a visita do poeta Carlos Negro, quen mantivo un encontro co alumnado de 4ºESO. Logo de leren Makinaria e unha selección das outras obras de Carlos Negro, puideron escoitar os poemas do libro recitados polo propio autor e compartir con el outras actividades: falaron de poesía, escoitaron a historia de Frederick -o rato poeta de Leo Lionni-, recitaron breves poemas de amor, rezaron xuntos unha oración de Far-west, rapearon un poema de Makinaria e, finalmente, descubriron o enigma de todos aqueles cochiños de xoguete que Carlos Negro fora colocando enriba da mesa ao longo da sesión... Representaban os 85 mozos menores de 30 anos que morreron o ano pasado en Galicia como consecuencia dun accidente de automóbil. Foron en definitiva, 90 minutos de poesía, música, voz e reflexión nos que Carlos Negro enganchou e sorprendeu. Grazas, Carlos! E grazas tamén a Noelia e Sheila pola presentación e a Álex polo rap de Sound Sessión vol.2.
15.3.10
Homenaxe a Agustín Fernández Paz
Este pasado 13 de marzo asistimos en Pontevedra ao acto que o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra organizou para render homenaxe a Agustín Fernández Paz. O encargado de facer a loanza de Agustín foi o tamén escritor Xavier P. DoCampo, quen, a través dun emotivo discurso escrito en forma de abecedario, foi facendo unha relación moi persoal daquelas palabras que mellor definen a Agustín e a súa obra. Foron palabras e reflexións fermosas, escritas desde a amizade que os une e as moitas experiencias que levan compartido ao longo dos anos.
Tamén na intervención de Agustín houbo espazo para o agradecemento e para a amizade, para as súas lecturas e para os seus lectores e lectoras, para todos os que traballan a prol do libro e a lectura, para as súas obras e para todos aqueles aos que, como lector, tanto lles debe.
Logo dunha intervención da Concelleira de Cultura de Pontevedra, Lola Dopico, pechouse o acto cunha actuación musical da que foron protagonistas Mini e Mero, cunha selección de temas entre os que se puido escoitar o histórico "Irmaus", baseado nun poema de Celso Emilio Ferreiro que aparece citado ao comezo de Valados, o último libro de Agustín Fernández Paz.
Pechaba así esta fin de semana as súas portas a 11ª edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que acolleu tamén unha exposición sobre a figura e a obra do escritor homenaxeado. Desde a biblioteca do IES Auga da Laxe enviámoslle os nosos parabéns a Agustín por esta fermosa e merecida homenaxe.
4.3.10
Sesión do club de lectura
Este pasado luns 1 de marzo celebramos a sesión trimestral do club de lectura do instituto. O libro escollido nesta ocasión foi Valados, de Agustín Fernández Paz. No blog do club de lectura tedes máis fotos e información sobre esta sesión.
26.2.10
MEMORIA DE ELEFANTE
A biblioteca acaba de convocar o xogo do 2º trimestre: Memoria de elefante. Coa colaboración do profesorado de Plástica, Dorinda e Paco, e do alumnado de 1º, 3º e 4ºESO, puxemos dando dúas voltas ao patio interior do instituto uns rótulos cos títulos de todas as obras de Agustín Fernández Paz. O xogo proponlle ao alumnado que queira participar que memoricen todos os títulos: gañará o que consiga dicir por orde e cos ollos tapados o maior número posible de títulos, todos se é posible. Teñen até o 23 de marzo para memorizalos e anotarse. Os días 24 e 25 faremos o concurso nos recreos.
8.2.10
Próxima sesión do club de lectura
O próximo 1 de marzo, luns, teremos a sesión trimestral do club de lectura que organiza a biblioteca. O libro proposto nesta ocasión será Valados, de Agustín Fernández Paz, un libro que fala dos valados visibles e invisibles que separan e enfrontan as persoas por diferentes razóns e da necesidade derrubalos. Como fixemos no trimestre anterior, a sesión comezará ás 15:00h e rematará ás 17:00h. Primeiro xantaremos todos xuntos na cafetería do instituto e logo iremos á biblioteca para conversar sobre a lectura e ver un pequeno documental sobre valados no mundo.Aquí podedes ver algunhas imaxes da sesión do trimestre pasado, centrada no libro Barro de Medellín, de Alfredo Gómez Cerdá. Nos próximos días, iremos deixando máis información no blog do club de lectura.
21.12.09
Rematou o xogo
- Equipo Os de Mañufe: 17 puntos (6+4+0+3+4)
- Equipo Ghalisia d'Sar: 24 puntos (5+4+6+4+5)
- Equipo Made in China: 27 puntos (6+4+6+6+5)
- Equipo Los Yogures: 14 puntos (1+5+5+3+0)
O equipo gañador do xogo é, polo tanto, Made in China, formado por Lucía Aguiar (3ºESO-B), María Pena (3ºESO-B), Elena Crespo (3ºESO-B) e Enrique Crespo (3ºESO-A). Parabéns ao grupo gañador, grazas a todos por participar e boas vacacións!!!